O Lugo asina Fran Justo, adestrador do Arenteiro

Tino Saqués 'pesca' o técnico do equipo de moda
O preparador ourensán afronta un salto de dúas categorías co difícil reto de salvar a praza na Segunda do decano da competición. (Foto: Futgal).
photo_camera O preparador ourensán afronta un salto de dúas categorías co difícil reto de salvar a praza na Segunda do decano da competición. (Foto: Futgal).

Nin Trashorras, nin Javi Rozada. Finalmente o escollido polo presidente Tino Saqués para substituír o cesado Hernán Pérez como primeiro adestrador do Club Deportivo Lugo foi Fran Justo.

O preparador ourensán de só 33 anos era, até o día de onte, o responsábel técnico do sorprendente Arenteiro que até a pasada fin de semana -na que caeu coa Sociedade Deportiva Compostela- acumulaba unha impresionante xeira de 21 partidos sen perder, incluíndo a conquista da Copa Federación e un triunfo copeiro ante a Unión Deportiva Almería da máxima categoría.

Estes éxitos, unidos ao seu emparellamento na seguinte fase da Copa do Rei co poderoso Atlético de Madrid, converteu á modesta escuadra do Carballiño no equipo de moda no panorama futbolístico a nivel estatal, tanto, que a súa afección soñaba cun ascenso a Primeira Federación e con deixar fóra do torneo do KO o xigante colchoneiro... até onte.

Ás  9,30 horas da mañá o Club Deportivo Lugo oficializaba unha noticia bomba: o substituto de Hernán Pérez non sería o adestrador do filial, Roberto Trashorras, senón Fran Justo, a quen definiu como "unha das realidades emerxentes máis importantes do panorama técnico na Galiza". "Preparación, proxección e método demostrado, nunha incorporación coa que o Club Deportivo Lugo mantén a súa confianza na chegada de talento novo e capacitado, apostando, ademais, por valores do fútbol galego", engadiu a directiva albivermella nun comunicado sobre un home que encara un desafío de enorme magnitude dúas categorías máis arriba de onde viña desenvolvéndose até o de agora.

Ademais, a entidade da cidade da Muralla agradeceu ao Arenteiro "a súa disposición inmaculada en todo o proceso realizado". O conxunto do Carballiño tamén emitiu unha nota na que confirmou que chegou a un "acordo" co Lugo, que tamén levará o segundo de Justo, Millán Fernández: "Con vós comezou unha gran viaxe. A vila do Carballiño tinguiuse completamente de verde e vós fostes capaces de transmitir a vosa ilusión e motivación a todos nós. Sempre quedaredes no recordo, sodes historia do Arenteiro e as portas permanecerán máis que abertas para vós".  

A salvación, un reto maiúsculo

Fran Justo dirixiu na tarde de onte a súa primeira sesión á fronte do Club Deportivo Lugo, unha das poucas que poderá levar a cabo antes de recibir no Ángel Carro un dos galos da categoría, un Levante Unión Deportiva que até o seu descenso deste verán permanecera na Primeira División 11 das últimas 12 tempadas.

O reto aceptado por Fran Justo é maiúsculo, pois terá que loitar por salvar unha escuadra lucense que caeu a postos de descenso xa hai dúas semanas logo de acumular unha serie practicamente ininterrompida de tropezos que, coa excepción do triunfo ante o Burgos do 23 de outubro, fixo que non sumara de tres en tres desde o catro de setembro, hai xa case tres meses.  

O maior problema do equipo, ademais do anímico -como se demostrou na baixada de brazos colectiva despois de recibir o primeiro gol ante o Andorra no partido que lle custou o posto ao seu predecesor- é unha defensa que reformular por completo se non quere que se cronifiquen unhas eivas que fan do albivermello o segundo equipo máis goleado da categoría de prata (23).

Comentarios