PREVIA FÚTBOL | A Ponferradina pon a proba a crise deportivista

Non hai fútbol de Primeira División, pero si acción do máximo nivel na categoría de prata e na Primeira Federación masculina e feminina. Esta vez o principal foco de atención estará no duelo entre a Ponferradina e un Deportivo absolutamente necesitado de puntos para fuxir da zona baixa da clasificación. 
 
Daquel Dépor que venceu a Ponferradina no seu último duelo, disputado en Riazor en xuño de 2020, non queda nin un só xogador.  (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Daquel Dépor que venceu a Ponferradina no seu último duelo, disputado en Riazor en xuño de 2020, non queda nin un só xogador. (Foto: RC Deportivo).

Os compromisos esta fin de semana das distintas seleccións deixan a afección sen fútbol de Primeira división, mais tamén traen consigo a posibilidade de seguir partidos tan interesantes como o Hungría-Serbia das 20.45 horas de hoxe -co liderado do Grupo 'C' das clasificatorias para a Eurocopa 2024 en liza- e o Noruega-España de mañá, tamén ás 20.45, que podería deixar a Roja nunha situación moi comprometida no caso de caer derrotada no Ullevaal Stadion de Oslo con Haaland, o celeste Strand Larsen e compañía. 

E, aínda sen o Celta, a Galiza non queda orfa de fútbol, pois a festa do deporte rei continúa na Segunda División e a Primeira Federación, tanto feminina como masculina.

Nesta última, o Deportivo da Coruña tratará de deixar atrás a súa crise de xogo e resultados ante un dos 'cocos' da categoría, a Ponferradina (mañá, 18 horas), quen a anterior campaña militaba en Segunda e está considerada como unha das grandes favoritas ao ascenso.

A escuadra berciana ocupa actualmente o terceiro posto con 15 puntos, a tan só dous do líder, e avantaxa en oito a un Dépor instalado na décimo cuarta posición da táboa e que non sabe o que é a vitoria desde que na segunda data de campionato, alá polo 2 de setembro, superara o Lugo por 0 a 3. 

Esta seca de cinco xornadas sen gañar, incluída unha dolorosísima derrota no Estadio de Riazor co filial do Celta o pasado domingo, deixou contra as cordas un Imanol Idiakez que podería ser destituído se non é quen de vencer no sempre complexo campo do Toralín.

Non obstante, na rolda de prensa previa ao partido o vasco mostrou a súa "confianza absoluta" na reacción dos seus homes, lembrando que o seu é o bloque "que máis tira [a porta] de toda a Liga".

Outro equipo en crise era o Club Deportivo Lugo, mais o triunfo en Pamplona sobre o Osasuna B serviu como bálsamo para as feridas albivermellas, e agora agarda estender a boa xeira de resultados no Ángel Carro (18 horas) acabando cun conxunto co que está empatado a nove puntos, o Logroñés.

Como o Lugo, o Celta Fortuna, primeiro representante da Galiza na terceira categoría, pois é sexto con 11 puntos, tamén aspira a prolongar a inercia positiva da xesta ante o Deportivo a costa dun Real Unión de Irún que está vivindo o seu mellor momento dos últimos anos (Barreiro, hoxe, 17 horas). 

O Levante, outro duro rival para o Rácing de Ferrol

Na Segunda División, o sorprendente Rácing de Ferrol de Cristóbal Parralo volve sufrir os antinaturais horarios da Liga de Fútbol Profesional de Javier Tebas e xogará, outra vez, na segunda feira (16 de outubro), colisionando ás 21 horas no Cidade de Valencia co poderoso Levante.

Confeccionado para regresar a unha Primeira División na que actuaba até 2022, a súa afección está en pé de guerra pola "incomodidade" que lle supón competir neses "horarios desfavorábeis" que xa está sufrindo tamén o Rácing, segundo denunciou a súa Federación de Peñas.  

O Dépor defende o liderado ante o segundo clasificado

Choque no máis alto da Primeira Federación de Fútbol Feminino, pois o Deportivo, líder, defende a súa privilexiada condición contra o Espanyol de Barcelona mañá (11 horas) na Cidade Condal. 

Un equipo da máxima categoría xogará en Boiro

A próxima terza feira, 17 de outubro, terá lugar en Madrid o sorteo da primeira rolda da Copa do Rei de fútbol masculino e no bombo estará o Club Deportivo Boiro, que vén de fechar unha histórica clasificación vencendo o Monte de Cantabria (0-1) e, así, garantir a presenza dun Primeira en Barraña. 

Comentarios