A PREVIA | Obradoiro e Breogán xogarán mañá algo máis que un derbi para fuxir do descenso

Obradoiro e o Breogán xogarán mañá no Multiusos Fontes do Sar un encontro transcendental para a súa continuidade na máxima categoría do baloncesto estatal. O equipo local deberá romper a súa traxectoria de derrotas mentres que os de Lugo chegan cos ánimos elevados tras a súa vitoria en Barcelona. 
O Obradoiro no seu último partido contra o Murcia )Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O Obradoiro no seu último partido contra o Murcia )Foto: Monbus Obradoiro).

O baloncesto galego na máxima categoría estatal vibrará este sábado nun encontro en Compostela entre o Obradoiro e o Breogán (Multiusos Fontes do Sar, 20.45 horas) que augura moitas emocións. Será algo máis que un derbi pola situación na clasificación de ambos os dous equipos. O equipo da capital galega que adestra Moncho Fernández atópase no posto 17 con seis partidos gañados mentres que os de Lugo, dirixidos por Veljko Mršić, está no 16 grazas á vitoria en Barcelona desta pasada fin de semana. 

Os dous conxuntos coinciden na necesidade de gañar para evitar o descenso mais coa diferenza, desta vez, no momento de xogo en que se atopan. O Obradoiro, tras dez derrotas consecutivas, tenta atopar o camiño de saída para fuxir dos últimos postos e sabe que lle quedan nove partidos dramáticos por diante para conseguilo. O equipo compostelán chega ao sábado despois dunha derrota na súa saída a pasada fin de semana ante o Murcia (94-81) e continúa sen coñecer o triunfo en 2024.

Pola contra, os de Lugo veñen de gañar ao Barcelona nunha vitoria histórica no seu feudo, o Palau Blaugrana (85-88). “Tentaremos traer a vitoria para Lugo”, aseguraba o xogador do Breogán Ben McLemore, o encargado de anotar a última canastra ante o Barcelona cando faltaban 51,7 segundos para que finalizase o encontro. Falou do derbi esta semana ao recoller o trofeo que o acredita como o xogador máis valioso do seu equipo no mes de febreiro. “Xa coñezo como son este tipo de encontros, lévoos xogando desde a miña etapa no instituto e posteriormente na universidade e a NBA", puntualizou. Ante a situación do Obradoiro, o norteamericano entende que “temos que saír cun bo nivel de enerxía, polo menos igualar coa que eles saian, e competir posesión a posesión todo o choque".

Fichaxes de reforzo

Conscientes ambos os dous equipos da transcendencia desta recta final na liga, sumaron esta semana reforzos internacionais cos que mellorar os seus números. Foi o caso no Obradoiro de Devon Dotson, o último xogador en sumarse á dinámica do conxunto de Moncho Fernández. Presentado esta cuarta feira nas instalacións do club polo propio presidente da entidade, Raúl López, trátase dun xogador de 1,88 de altura, un base que desenvolveu toda a súa carreira nos Estados Unidos de América e na Galiza terá a súa primeira experiencia europea.

“Considérome un base gañador. Son duro, físico, traballador, rápido co balón e os pés”, definiuse a si mesmo na presentación. De cara ao derbi, o norteamericano asegurou que estaba afeito a xogar baixo presión, o que incrementa o seu interese por vestir a camiseta obradoirista: “Esta é unha das ligas máis duras do mundo”, aseguraba, “e non será sinxelo, pero estou preparado para o desafío, e para aprender e facerme notar desde o principio”, engadía. Contra o Breogán pensa dalo todo. "Gústanme os desafíos e xoguei baixo presión en moitas ocasións. Na Universidade de Kansas xogaba cada noite ante 30.000 persoas", poñía como exemplo.

No equipo lucense a novidade será outro base, o tamén norteamericano Justin Robinson. De 26 anos e 1,85 metros, procede da NBL australiana onde contou cunha media de 12 puntos e 4,4 asistencias por partido. Robinson formouse en Virginia Tech na Asociación Nacional de Atletas Colexiados (NCAA nas súas siglas en inglés) onde destacou pola súa capacidade de asistencia e anotación.

A pesar de que non participou no proceso para asignarlle equipo en 2019, formou parte de varias franquías da National Basketball Association (NBA), como Washington e Detroit, alternando partidos na primeira liga (43 partidos disputados) cos de G-League (a liga menor de baloncesto desenvolvida e organizada pola NBA). No seu último encontro de play off, o 13 de marzo ante Melbourne United, Robinson asinou 19 puntos, 3 rebotes e 7 asistencias.

Grande expectación

A importancia do choque e o interese por poder gozar del en directo amosouse esta semana en Santiago coa venda de entradas que, segundo fontes do club compostelán, están agora mesmo esgotadas. Por este motivo o Obradoiro anunciou que  facilitaba a posibilidade de que as persoas abonadas que non poidan asistir ao partido contra o Breogán teñan a facilidade de liberar o seu asento.  

En relación á presenza de seareiras e seareiros do Breogán, a polémica xurdiu pola cesión por parte do equipo da capital de só 40 entradas que se venderon en menos de dous minutos. Para o encontro deste sábado, o Breogán solicitou "máis entradas para os seus afeccionados", segundo o club lucense, pero o Obradoiro só lles proporcionou esa cantidade, tamén a prezo de despacho de billetes, que é notoriamente máis elevado no Fontes do Sar que no Pazo. As máis baratas en Santiago saen a 59 euros, mentres que en Lugo nos fondos custaron 30. Agora a única forma de poder acceder ao partido en directo para a afección lucense é facerse con algunha das que liberen os abonados do Obradoiro.

Comentarios