A CRÓNICA | Histórica vitoria do Breogán ante o Barcelona: o conxunto galego conquista o Palau

Nunca na historia o Breogán gañara ao Barcelona no Palau, até este domingo, cando se alzou coa vitoria despois dunha heroica remontada.
Os xogadores do Breogán festexando a vitoria deste domingo ante o Barcelona (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Os xogadores do Breogán festexando a vitoria deste domingo ante o Barcelona (Foto: AFP7 / Europa Press).

Nunca na historia o Breogán gañara ao Barcelona no Palau, até este domingo, cando se alzou coa vitoria despois dunha heroica remontada no último cuarto nun partido que rematou 85-88.

O partido comezaba ben para o conxunto galego, obrigando ao Barcelona a solicitar un primeiro tempo morto con 18-24 no marcador tras anotar o Breogán 6 triplos de oito intentos.

Porén, despois da pausa os cataláns refixéronse e o primeiro cuarto rematou con 23-26 a favor do equipo galego. Unha tendencia que continuou nun segundo período con ritmo intermitente. O partido chegaba axustado ao intermedio, con 47-46 a favor do Barça.

Á volta dos vestiarios nada mellorou para o Breogán, e o resultado ao final do terceiro cuarto non facía presaxiar o que ía acontecer a continuación. Así, o resultado despois dos primeiros 30 minutos ficou en 72-67 para o conxunto local.

O último tramo do partido comezaba cun Barcelona que incrementaba a súa vantaxe até os sete puntos. Con todo, pouco despois, un parcial de 2-12 a favor dos galegos volvía pór ao Breogán por diante no marcador, atinxindo un resultado de 76-79.

Despois dun intercambio de golpes cun balanzo anotador prominente para os dous equipos o luminoso lucía un 80-85, mais os cataláns conseguían a continuación a igualada cun parcial de 5-0. Pouco faltaba para o final do choque e o resultado estaba en táboas.

Nese momento, e despois que o conxunto catalán fallase dous tiros libres, apareceu o estadounidense McLemore, que encarrilou unha grande actuación este domingo, á cal puxo a guinda cun 2+1 que situaba tres arriba ao Breogán. O adestrador do Barcelona pedía tempo morto, mais á volta da charla Jabari perdía a posesión catalá da pelota.

Fin do encontro e o Breogán puña final a unha xeira de cinco derrotas no escenario menos esperado. O xogador do conxunto galego, Sergi García, foi o máximo anotador do xogo con 23 puntos, nunha vitoria que deixa o equipo fóra do descenso cun partido gañado máis que o Obradoiro, que fica penúltimo marcando o limiar dos postos que levan á segunda categoría.

Comentarios