Baloncesto

Denvon Dotson, o 'cravo ardendo' do Obradoiro de cara á salvación

Fichaxe á desesperada do conxunto galego de ACB.
Dotson é base e ten 24 anos. (Foto: Bullets Forever).
photo_camera Dotson é base e ten 24 anos. (Foto: Bullets Forever).

O Monbus Obradoiro, que esta fin de semana caeu a postos de descenso á Liga ACB após perder co UCAM Murcia e que o Breogán superase contra todo prognóstico o Barcelona no Palau Blaugrana, confirmou unha fichaxe de última hora.

Ese cravo ardendo ao que se encomenda a escuadra capitalina non é outro que o base norteamericano Devon Dotson, xogador de 1,88 metros de altura e 24 anos que até o de agora desenvolvera integramente a súa carreira no seu país natal.

Dotson, formado na Universidade de Kansas, debutou na NBA defendendo as cores dos Chicago Bulls en xaneiro de 2021, compatibilizando as súas esporádicas presenzas no ex equipo de Michael Jordan co seu conxunto 'filial', os Windy City Bulls, até o verán de 2022.

Entón deu o salto aos Washington Wizards, pero unha vez máis tivo máis oportunidades no 'B' da formación da capital americana, con quen xogou o seu último partido o 8 de marzo ante Long Island Nets, choque no que anotou nove puntos e repartiu sete asistencias.    

Segundo informou o Obradoiro, está previsto que o norteamericano chegue a Compostela "nas próximas horas" e que, despois de pasar o recoñecemento médico, se sume o antes posíbel aos adestramentos dirixidos por Moncho Fernández de cara a un máis que posíbel debut o sábado 23 de marzo no derbi fronte o Leite Río Breogán.

Comentarios