Baloncesto

O Breogán encoméndase a Justin Robertson para salvarse

Reforzo de última hora no baloncesto galego.
O base xogaba en Australia. (Foto: Illawarra Hawks).
photo_camera O base xogaba en Australia. (Foto: Illawarra Hawks).

O Leite Río Breogán, un dos dous conxuntos galegos na máxima categoría do baloncesto masculino estatal, confirmou onte a chegada dun reforzo de última hora que contribúa ao obxectivo de certificar a permanencia un ano máis na Liga ACB.

Trátase do base estadounidense de 1,85 metros de altura Justin Robinson, quen chega á escuadra da cidade da Muralla procedente dos Illawarra Hawks do campionato australiano. 

Aos seus 26 anos, este 'cerebro' formado na Universidade de Virxinia Tech -onde chegou a facer de media na súa mellor tempada, a 2017/18, 14 puntos, tres rebotes e case seis asistencias por partido- conta con certa experiencia no mellor torneo do mundo, a NBA, onde militou en cinco franquías distintas: Washington Wizards, Oklahoma City Thunder, Milwaukee Bucks, Sacramento Kings e Detroit Pistons.

Definido polo Breogán como "un base rápido, con capacidade de pase, anotación e defensa que achega nos dous lados da cancha", Justin Robinson deu o salto desde o bloque de Michigan até Oceanía no ano 2022, xogando desde entón nos Illawarra Hawks, co que alcanzou as últimas semifinais ligueiras. Alí, no último e transcendental encontro dos play-off, fronte o Melbourne United, materializou 19 puntos, colleu tres rebotes e repartiu catro asistencias.

Comentarios