Cre vostede nos milagres? O domingo, 10 de marzo, dispútase a partir das 18.30 horas da tarde un partido de Liga no Santiago Bernabéu entre o Real Madrid e o Celta, que coincide no santoral católico co día de San Attalo, alcumado 'O Milagreiro'.
Di a lenda que Deus lle outorgou a este monxe natural de Burdeos a capacidade de realizar prodixios fóra de punto, así que os seguidores e seguidoras celestes que sexan relixiosas farían ben en encomendarse a el para tratar de obter un pouco de axuda extra de cara a conseguir sacar algo positivo dun choque que semella misión case imposíbel.
En primeiro lugar, porque a escuadra olívica, aínda que vén de lograr a súa quinta vitoria da tempada fronte a un Almería fechacancelas e virtualmente en Segunda División, só logrou unha delas fronte algún conxunto da metade alta da táboa -cando derrotou o Betis por 2 a 1 na xornada 19-, e o Real Madrid é o sólido líder da categoría.
Ademais, os brancos destacan pola fortaleza que exhiben no seu flamante coliseo, pois aínda non coñecen a derrota nos 13 partidos ligueiros que alí xogaron, cedendo tan só dous empates, curiosamente ante as outras dúas formacións da capital do Estado, Raio Vallecano e Atlético.
E, o que é aínda máis duro, o Celta de Vigo non sabe o que é vencer alí desde hai 17 anos, cando co galego Fernando Vázquez no banco os tantos de Nené e Jorge fixeron inútil o do brasileiro Emerson para selar o definitivo 1-2, encadeando desde entón un empate e 10 derrotas, algunha delas tan dolorosas como o 7-1 de 2016 ou o 6-0 que apañou en 2018.
Para tratar de dar a sorpresa, Benítez, que polo menos a ollos da afección non gañou crédito após superar o Almería, podería formar de inicio con Guaita en portería; defensa de cinco con Manquillo, Starfelt, Unai Núñez, Carlos Domínguez e Manu Sánchez; Beltrán, De la Torre, Mingueza e Bamba no medio; con Larsen ou Aspas como único home na punta de ataque.
A hora do Rácing para volver á senda da vitoria
Son xa cinco partidos sen gañar para o Rácing de Ferrol, cinco malos resultados consecutivos que levaron os Diaños Verdes de axexar o liderado a ficar fóra dos postos que dan dereito a disputar o play-off de ascenso á Primeira División.
Logo de que se lle escapasen os tres puntos a pasada fin de semana cun tanto do Santander no minuto 93, a escuadra ferrolá aspira a fechar, esta vez si, tan negativa xeira a costa do Cartaxena (Estadio Cartagonova, sábado, 21 horas), quinto pola cola con 31 puntos, 13 menos que o Rácing.
Porén, o adestrador dos galegos, Cristóbal Parralo, insiste en que "o bo traballo que se fai durante a semana debe reflectirse sobre o céspede o día do partido".
Volve o líder, volve o Dépor
A frase que encabeza estas liñas precisa matización, pois ela pode referise ao feminino branquiazul, que encabeza a táboa da segunda categoría estatal, ou aos seus compañeiros do masculino, que fan o propio na terceira.
No caso das pupilas de Irene Ferreras, estas volven o sábado (Abegondo, 12 horas) logo dunha parada competitiva de tres semanas dispostas a demostrar ante o Alhama que continuarán dominando con puño de ferro a Primeira Federación.
Con respecto aos de Imanol Idiakez, após asaltar o liderado visitan ás 12 horas do domingo o campo do segundo clasificado, un Nàstic de Tarragona que sen dúbida non llo porá nada fácil.
Pola súa parte, o Celta Fortuna, de novo instalado en zona de play-off, recibe en Vigo ás 19 horas do sábado o terceiro na táboa, a Ponferradina, duelo previsibelmente máis complexo para os intereses dos clubs do país que o Tarazona-Arenteiro (sábado, 20 horas) e o Lugo-Unionistas (domingo, 17 horas).