Fútbol | 1ª División

Os 10 minutos malditos do Celta: tería 10 puntos máis se os partidos rematasen no '80

O Celta de Benítez ten -un de moitos, dirán as máis críticas-, un mal endémico: encaixar goles decisivos cando o cronómetro supera o limiar do minuto 80. Até o de agora, e logo do tanto recibido o domingo no '100 contra o Cádiz que lle custou o triunfo sobre un rival directo, os celestes deixaron escapar xa 15 puntos.
Ao madrileño Rafa Benítez -na imaxe, no Novo Mirindilla de Cádiz- esgótaselle o crédito en Vigo. (Foto: LFP).
photo_camera Ao madrileño Rafa Benítez -na imaxe, no Novo Mirindilla de Cádiz- esgótaselle o crédito en Vigo. (Foto: LFP).

O fútbol é un deporte que, segundo o regulamento, dura 90 minutos máis un tempo engadido que desde a introdución das tecnoloxías de vídeo-arbitraxe en tempo real nos últimos anos pasou dos catro ou cinco minutos que viñan sendo habituais nas décadas anteriores até os dez ou máis da actualidade.

Un dos grandes damnificados é o Celta de Rafa Benítez, que ten entre un dos seus moitos debes o diluírse como un terrón de azucre en café quente cando o electrónico supera o minuto 80, con absoluta independencia de se este está instalado en Balaídos ou en calquera outro recinto ligueiro.

O acontecido o pasado domingo en Cádiz, cando deixou escapar o triunfo ante un rival directo -quizais o Rival, con maiúscula- na pelexa pola salvación encaixando un gol no minuto 100 foi perfecto exemplo dunha debilidade crónica nas postremeiras dos encontros que ameaza con arrastrar o equipo á categoría de prata de non ser quen de reverter unha tónica que leva producíndose desde o inicio da presente campaña.

Porque a día de hoxe o Real Club Celta acumula 21 puntos na táboa clasificatoria, pero se os partidos acabasen no minuto 80 esa conta ascendería até os 31, pasando do décimo sétimo posto -o último que outorga a permanencia- até a duodécimo, na zona morna da Liga.

Botando a vista atrás, neses 10 últimos minutos -máis a prolongación- os de Benítez só saíron beneficiados en tres ocasións: o empate na segunda xornada contra a Real Sociedade (1-1, Mingueza, '94), a vitoria sobre o Almería na cuarta data (2-3, Swedberg, '87) e o triunfo ante o Betis do 3 de xaneiro (2-1, Swedberg, '96). 

Eses cinco puntos gañados non compensan nin remotamente os 15 perdidos, nunha negra listaxe que arrancou xa na xornada tres cando o madridista Bellingham lle custou o empate no Bernabéu co seu tanto no '81.

Seguíronlle a derrota en Mallorca na quinta (0-1, Muriqi, '85), os afundimentos co Barça na sexta (3-2, Lewandowski, '81 e '85; Cancelo, '89) e As Palmas na oitava (2-1, Viera, '84; Cardona, '97), os tropezos consecutivos con Girona (1-0, Herrera, '91), Sevilla (1-1, En-Nesyri, '84) e Athletic (4-3, Berenguer, '98) e os últimos acontecementos de Xetafe (3-2, Mata, '89), de novo co Barça (1-2, Lewan, '97) e o do domingo contra o Cádiz, que deixa Benítez e o seu proxecto contra as cordas.

Comentarios