Centenario do Celta

Unha trintena de presidentes do Celta: quen realizou a mellor xestión?

Carlos Mouriño é o presidente máis lonxevo e con el Vigo volveu asentarse en Primeira e retornou a Europa. Con Horacio Gómez vivíronse os anos do 'EuroCelta' de Karpin, Mazinho e Mostovoi. Da man de Ignacio Núñez sentáronse as bases do que sería aquel equipo e, antes del José Luís Rivadulla dirixiu o equipo 'ascensor' que tantos éxitos deu. E antes que todos eles, Manuel Bárcena tomou as rendas do equipo nos seus primeiros anos de vida.

Para ti, quen foi o mellor presidente da historia do Celta? Vota na nosa enquisa!

Os presidentes que deixaron unha maior pegada no Real Club Celta.
photo_camera Os presidentes que deixaron unha maior pegada no Real Club Celta.

Máis de tres lustros leva xa Carlos Mouriño á fronte do Real Club Celta, o que o converte, por moito, no presidente máis lonxevo da súa —case— centenaria historia. O empresario vigués foi o 31º en acceder a un cargo cuxo primeiro titular foi Manuel Bárcena Andrés (1923-1925), o elixido para pilotar os inicios do equipo xurdido da fusión do Real Fortuna e o Vigo Sporting. Aquel Club Celta marabillou os primeiros seareiros e seareiras que se achegaban ao campo de Coia —Balaídos non se inauguraría até 1928— da man de grandes figuras do momento como Ramón Polo, segundo máximo goleador histórico —159 tantos, aproximadamente— superado só por Iago Aspas.

Ao longo destes 100 anos houbo tamén quen destacaron non tanto pola súa xestión do equipo senón por cuestións extradeportivas, como foi o caso do controvertido presidente Celso Lorenzo Vila (1959-1961), que liderou o que en Vigo é para moitos lembrado como o "Celta de Marlboro" por ser, tal e como salienta o xornalista Nacho Carretero na súa obra Fariña, "un dos primeiros grandes capos galegos do contrabando de tabaco". Na directiva celtiña de Lorenzo Vila, de feito, participaba un dos rostros máis coñecidos do tráfico nas Rías Baixas: Vicente Otero Terito.

Voltando ao plano deportivo, con especial agarimo é recordada a etapa de José Luís Rivadulla (1983-1990), aquel equipo "ascensor" que iniciou a década en Segunda B e nos cursos seguintes alternou a Primeira coa Segunda División. Baixo o seu mandato despuntaron grandes xogadores como Pichi Lucas, Baltazar, Alvelo ou o capitán Vicente Álvarez. Rivadulla e o seu Celta sentaron as bases dos éxitos que chegarían na década seguinte.

E nos inicios dos 90 estivo á fronte da entidade olívica José Ignacio Núñez (1991-1995), quen confiou o temón do primeiro equipo a un Txetxu Rojo que o levou á súa segunda final de Copa. Otero, Cañizares, Engonga, Gudelj, Ratkovic ou Salinas son algúns dos principais nomes que salientaron naquel Celta. En 1995 foi 'derrocado' por un Horacio Gómez que nos seus primeiros días á fronte do clube tivo que superar a coñecida como 'crise dos avais', que a piques estivo de provocar o descenso administrativo de Celta e Sevilla a Segunda B e que derivou nunha histórica e multitudinaria manifestación en Vigo.

O período de Gómez foi o do 'EuroCelta', capitaneado desde o banco por referentes como Javier Irureta, Víctor Fernández e Miguel Ángel Lotina, que deixaron, especialmente o técnico maño, noites para o recordo en Vigo como un contundente 7-0 ao Benfica ou o 4-0 á Juventus, alén de dous triunfos fronte ao Liverpool en Balaídos (3-1) e Anfield (0-1). Tamén durante o mandato de Horacio Gómez chegou a terceira final copeira, de novo fronte ao Zaragoza e de novo deixando o equipo vigués co mel nos beizos. Si logrou o éxito, porén, na Copa Intertoto do ano 2000, na mesma campaña na que, en febreiro do ano seguinte, o Celta foi recoñecido como o mellor equipo do mundo. Aleksandr Mostovoi, Mazinho, Valery Karpin, Revivo, McCarthy, Berizzo ou Catanha son os nomes propios da etapa de Horacio Gómez, que mantivo o clube durante 12 tempadas consecutivas en Primeira —as mesmas que hoxe na actual etapa de Mouriño—, o segundo mellor rexistro do Celta após ficar na elite entre 1945 e 1959 de forma ininterrompida.

Aquel Celta descendeu a Segunda en 2004, meses despois de disputar os oitavos de final da Champions fronte ao Arsenal, pero recuperou a categoría no curso seguinte. E na tempada do regreso, con Fernando Vázquez aos mandos, retornou tamén á Copa da UEFA en 2006. E nese verán tomou as rendas do Consello de Administración un Carlos Mouriño que xa formara parte da anterior directiva de Gómez, mais que asegurou, só un ano despois e nunha tensa xunta de accionistas, que o clube que lle vendera o anterior presidente era "unha mazá podre", algo que el sempre negou.

O Celta solicitou en 2008 o concurso de acredores para evitar a creba pola débeda que arrastraba próxima aos 69 millóns de euros e que, grazas á 'quita' pactada, principalmente con Caixanova —hoxe Abanca— e Facenda, puido reducir a pouco máis de 30 millóns. O último pagamento do adebedado chegou en 2019 e, desde entón, a entidade olívica está oficialmente sandada. Durante a etapa de Mouriño, a máis longa, o Celta alcanzou da man de Eduardo Berizzo dúas semifinais de Copa, ficando en ambos os casos ás portas da final —ante o Sevilla, cun marcador global de 2-6, e o Alavés, por 0-1— e o grande éxito da historia das participacións en Europa dos celestes: as semifinais da UEFA Europa League fronte ao Manchester United (1-2). Neste tempo salientaron especialmente os xogadores formados na Madroa, especialmente no lustro en Segunda no que os celtiñas tiveron que botar man da canteira ante a falta de liquidez para fichar, como Iago Aspas, Hugo Mallo, Sergio Álvarez, Brais Méndez ou agora Gabri Veiga, así como futbolistas cun grande arraigamento en Vigo como Nolito, Orellana, Gustavo Cabral, Tucu Hernández ou Fran Beltrán.

E, para ti, quen foi o mellor presidente do Real Club Celta? Vota aquí!

Comentarios