Centenario do Celta

A raias ou con rombos; gris, vermella ou granate, mais sempre celeste: as camisetas máis icónicas do Celta

Hoxe en 'Nós Diario' facemos unha pequena escolma das camisetas que o Real Club Celta vestiu, como local e visitante, ao longo dos seus cen anos de historia, e damos a palabra ao celtismo para que decida cal é a mellor de todas.
Copia de QUINOCHO
photo_camera Unha pequena escolma das camisetas máis icónicas do Real Club Celta.

Con colo ou sen el. A dúas cores, tres ou máis. Con tonalidades de azul celeste máis claras ou escuras ou atrevéndose con cores como granate, gris ou rosa. Pero sempre, como non podía ser doutra forma, co escudo dos dous 'C' de 'Club Celta' no peito e mais, desde mediados do pasado século, coa cruz de Santiago. Cen anos dan para vestir moitos deseños diferentes, e así o fixo o Real Club Celta, que con máis ou menos acerto a ollos da bancada luciu decenas de camisetas dos máis variados estilos.

Nos primeiros anos, porén, a moda non ía tan parella ao fútbol como hogano, e os futbolistas do equipo vigués portaban durante varias tempadas o mesmo xersei, nos seus inicios sen o dorsal que identifica cada xogador e mesmo sen escudo. E, de feito, a insignia do Celta apareceu nas vestimentas con moi diferentes versións —das que xa falamos en Nós Diario—, durante algún tempo representándose unicamente coa cruz de Santiago.

Foi no último cuarto do século pasado cando os equipos de fútbol comezaron a apostar máis, e máis forte, polas estratexias de márketing e viron un auténtico filón nas camisetas, cuxo prezo, por outra parte, tamén se foi incrementando exponencialmente até os días presentes. Os deseños sinxelos e sobrios deron paso ás máis extravagantes combinacións, e iso tamén se fixo notar en Balaídos. E en Nós Diario quixemos facer unha pequena escolma para recordar algunhas das máis significativas, se ben probabelmente, como se soe dicir, nin están todas as que son, nin son todas as que están.

Pouca xente hai en Vigo que non lembre a cantante estadounidense Madonna vestindo unha camiseta de cor celeste brillante en Balaídos no concerto que ofreceu en 1990, ou a de rombos coa que o Celta ascendeu a Primeira División dous anos despois. Tamén resulta difícil de esquecer na cidade olívica a protagonizada por un azul intenso coa que Alejo errou o penalti decisivo na final de Copa de 1994 ante o Zaragoza.

A fin de contas, cada camiseta evoca un momento, sempre acompañado de sentimentos quer positivos quer negativos, mais que fican por sempre na memoria. A camiseta con colo negro e o escudo no centro, por exemplo, é para moitas e moitos a de Aleksandr Mostovoi, posteriormente ídolo do celtismo, tentando abandonar 'El Molinón' en 1997 ante os reproches dos seus compañeiros, especialmente o daquela capitán, Patxi Salinas, que o obrigou a empurróns a ficar no céspede até o remate do partido.

Aínda hoxe é frecuente ver nas bancadas de Balaídos a emblemática camiseta con cremalleira que, na maioría dos casos, leva nas costas o nome de Mostovoi e o seu dorsal 10. Tamén unha das máis queridas polos seareiros e seareiras, a das cores branca e vermella da bandeira de Vigo, que nos traslada ao ano 2004, co Celta a un paso dun descenso finalmente consumado e Eduardo Toto Berizzo abandonando Riazor tocando o escudo após ser expulsado. E a que leva o escudo no centro e a insignia da UEFA Champions League nun brazo ten outro claro protagonista: José Ignacio, celebrando o gol da vitoria en San Siro ante o Milán de Carlo Ancelotti e Kaká.

Este ano a camiseta, chamada a pasar á historia tamén por ser a do centenario, leva impresa nun lateral a Oliveira dos cen anos. Mais a inclusión do himno non é unha novidade para o celtismo, pois a da tempada 2011-12, a do último ascenso, xa o levaba no peito —neste caso a letra orixinal composta por A Roda—. E no curso seguinte, o da permanencia do 4,01%, o Celta quixo render homenaxe ás e os fieis que arrouparan o equipo en Segunda escribindo na camiseta todos e cada un dos seus nomes.

John Guidetti levando as mans á cabeza en Old Trafford após errar, xunto con Claudio Beauvue, na xogada decisiva que metería o Celta na súa primeira final europea é unha imaxe que o celtismo xamais esquecerá e que ficará ligada por sempre á camiseta que combinaba grises claros e escuros e mais o tradicional celeste, que tinguía tamén o escudo.

E ti, que opinas? Cal é a mellor camiseta do Celta ou a que evoca as mellores lembranzas para ti? Vota na nosa enquisa!

Comentarios