Centenario do Celta

70 adestradores en 100 anos de Real Club Celta: quen foi o mellor?

Entre o inglés Frank Cuggy e o recentemente nomeado Rafa Benítez pasaron por Balaídos sete decenas de adestradores que, con maior ou menor fortuna, deixaron a súa pegada no clube.
Adestradores con maiores éxitos á fronte do Celta.
photo_camera Adestradores con maiores éxitos á fronte do Celta.

A chegada de Rafa Benítez a Vigo para dirixir o Real Club Celta na tempada do seu centenario espertou moita expectación na bancada. É nada menos que o décimo noveno adestrador celtiña desde que Carlos Mouriño tomou as rendas do clube en 2006. Desde entón pasaron por Balaídos técnicos que deixaron unha forte pegada e a quen os seareiros e seareiras lembran con agarimo, como Eusebio, Paco Herrera, Luis Enrique ou Berizzo, e tamén outros cuxo paso foi testemuñal e infrutuoso, como o dos catro técnicos que dirixiron o equipo no curso 2007-08, o primeiro da última estadía en Segunda —Stoichkov, López Caro, Alejandro Menéndez e Antonio López—.

Tamén houbo quen, nestes últimos tempos, foron protagonistas fóra do terreo de xogo, como Óscar García Junyent, que pouco antes de ser destituído retirou a capitanía a Hugo Mallo; Antonio Mohamed, que nada máis aterrar en Vigo puxo un obxectivo moi ambicioso —"penso realmente que podemos gañar a Liga"— para logo ser despedido na xornada 12, ou Miguel Cardoso, que na súa curta etapa na cidade olívica deixou na súa primeira rolda de prensa unha frase para o recordo: "Agradezo a confianza para empezar un novo proceso no Real Club Deportivo".

Antes de todos eles gravaron os seus nomes na historia do Celta, con maior ou menor fortuna, decenas de adestradores. O primeiro deles foi un británico, Frank Cuggy, que na campaña de debut do equipo xurdido da fusión do Fortuna e o Vigo Sporting deulle ao daquela Club Celta o seu primeiro título, un Campionato da Galiza gañado ao Rácing de Ferrol. Porén, habería que agardar ao curso 1947-48 para ver os celestes disputar a súa primeira final de Copa de España. Foi ante o Sevilla (1-4) e con Ricardo Zamora no banco. O catalán estivo en Vigo até en tres etapas diferentes: de 1946 a 1949, de 1953 a 1955 e de 1957 a 1960, o que o converte no terceiro técnico con máis partidos á fronte do Celta: 152, os mesmos que Txetxu Rojo.

O navarro Juan Arza foi outro que completou tres períodos en Balaídos (1970-1972, 1973-1974 e 1980) e un total de 131 partidos oficiais —sexto da historia, superado por Milorad Pavic, Eduardo Berizzo, Txetxu Rojo, Ricardo Zamora e Víctor Fernández—, o primeiro deles especialmente notorio por clasificar o equipo, por vez primeira nos seus daquela menos de 50 anos de historia, a competicións europeas. O Celta caeu na primeira rolda fronte aos escoceses do Aberdeen, cun marcador global de 3-0, se ben aquel foi o preludio do que dúas décadas despois pasaría a ser denominado o 'EuroCelta'.

Con José Francisco Txetxu Rojo aos mandos (1991-1994) os celestes lograron na súa tempada inicial retornar a Primeira División após dominaren a categoría de prata durante todo o curso, asinaron unha meritoria 11ª posición no curso do regreso á elite —e Santiago Cañizares gañou o primeiro 'Zamora' para o Celta— e, na seguinte campaña, alcanzaron a súa segunda final de Copa. Foi ante o Zaragoza (0-0) e tivo que decidirse nos penaltis (5-4), con aquela pena máxima errada por Alejo que ninguén en Vigo pode esquecer.

Unha terceira oportunidade no torneo do KO tivo o Celta na 2000-01, desta volta con Víctor Fernández no banco, o técnico que, precisamente, deixara sete anos antes os vigueses co mel nos labios naquela final copeira. E o resultado foi novamente favorábel aos aragoneses (3-1). Víctor segue a ser hoxe o adestrador con máis partidos oficiais ás súas costas (202), e durante catro tempadas (1998-2002) deixou partidos para a historia como o 3-1 fronte ao Liverpool, o 7-0 ao Benfica ou o 4-1 á Juventus.

O mellor resultado do Celta en competicións europeas chegou en 2017, da man de Eduardo Toto Berizzo, outra lenda para o celtismo. O arxentino, noutrora figura imprescindíbel como defensa central naquel 'EuroCelta' de Víctor, ficou tres tempadas no banco de Balaídos (2014-17, con 148 encontros) e levou o equipo a dúas semifinais consecutivas de Copa, ante o Sevilla (4-0 e 2-2) e o Alavés (0-0 e 1-0), esta última acompañada doutra semifinal, a da Europa League fronte ao Manchester United (0-1 e 1-1), cando os celtiñas ficaron a escasos centímetros —dos pés de Beauvue e Guidetti— de alcanzar a primeira final continental da súa historia.

E ti, que opinas? Quen foi o mellor adestrador da historia do Celta? Vota na nosa enquisa!

Comentarios