Centenario do Celta

De Manolo a Hugo Mallo: un repaso pola capitanía do Celta

O 'gran capitán' Manolo, Vicente, Mallo, Maté, Mostovoi, Oubiña, Herminio, desde este verán Aspas... E ti, en que pensas cando se fala de capitáns no Celta?
Algúns dos capitáns que máis pegada deixaron no Real Club Celta.
photo_camera Algúns dos capitáns que máis pegada deixaron no Real Club Celta.

Moitos donos tivo o brazalete de capitán do Real Club Celta ao longo da súa historia. Unha tradición, porén, que non se instaurou no deporte rei até ben entrado o pasado século. Normalmente criados na Madroa, como o 'Gran Capitán', Manolo, ou o actual e máximo goleador histórico, Iago Aspas. Mais non sempre, pois ben lembra o celtismo quen precedeu no cargo a quen o ostentou até o pasado xuño, Hugo Mallo: o arxentino Augusto Fernández.

A elección da capitanía, de feito, adoita recaer nos propios xogadores, que escollen a quen máis dotes de liderado cren que pode ter no vestiario e o campo e, frecuentemente, ao máis veterano do equipo. Tamén hai algunhas excepcións nas que é o adestrador o encargado de decidilo, como foi en Balaídos o caso de Pepe Murcia en 2008, cando elixiu Juanma Peña —e de segundo Rubén—, ou máis recentemente, en 2020 e a piques de ser destituído, Óscar García Junyent, cando arrebatou o brazalete a Mallo un lustro despois e impuxo a Iago Aspas, acompañado de Nolito, Denis Suárez, Jeison Murillo e Renato Tapia.

Se preguntamos a quen evoca en Balaídos a palabra capitán, probabelmente a inmensa maioría das respostas sexan Manolo Rodríguez. Con 533 ao longo de nada menos que 16 tempadas consecutivas (1966-1982), aínda hoxe mantén a honra de ser quen máis partidos oficiais disputou coa celeste, a única camiseta que vestiu na súa carreira profesional. Foi tamén parte daquela primeira xeración que disputou a Copa da UEFA.

Antes que Manolo levou o brazalete de capitán Herminio González, con quen coincidiu durante cinco tempadas. Este defensa natural do Carballiño xogou en Vigo entre 1961 e 1971 e tornou, desde a súa chegada, en indiscutíbel para os técnicos á fronte da zaga celtiña.

E, unha vez retirado o 'Gran Capitán', sucedérono outras dúas lendas do clube: o porteiro Javier Maté (1981-1993) e o centrocampista Vicente Álvarez (1980-1981 / 1983-1995), que tamén acabaron portando o brazalete e deixaron en Vigo unha forte pegada, inesquecíbel para a xeración que medrou véndoos no céspede como parte daquel equipo 'ascensor' da década de 1980, que pasou en poucos anos de Segunda B a Primeira con algunha que outra caída tamén á categoría de prata. Tamén foi merecedor de levar o brazalete en grandes ocasións Aleksandr Mostovoi, o 'Zar' de Balaídos e unha das maiores lendas do fútbol en Vigo.

Falando de capitáns e entrando xa no presente século temos dous nomes que sobresaen especialmente: Borja Oubiña (2003-2007 / 2008-2014) e Hugo Mallo (2009-2023). O primeiro tivo a honra de participar na UEFA Champions League co Celta, e posteriormente a UEFA, competición na que tamén estivo presente, e cun maior éxito, o segundo, que deixou o equipo este verán como terceiro xogador con máis partidos vestindo a celeste ás súas costas: 449, só superado por Aspas (457) e Manolo (533).

E, para ti, quen foi o mellor capitán da historia do Celta? Vota na nosa enquisa!

Comentarios