O presidente da Federación Galega de Kickboxing, denunciado por estafa

A Fiscalía tamén acusa Cipriano Gómes de falsidade documental.
O presidente da Federación Galega de Kickboxing. (Foto: Fundación Cipri Gomes).
photo_camera O presidente da Federación Galega de Kickboxing. (Foto: Fundación Cipri Gomes).

Un escándalo sacude o mundo do kickboxingA Fiscalía de Ourense vén de denunciar por "estafa continuada" e "falsidade documental" o actual presidente da Federación Galega da modalidade, Cipiano Gómes, así como a presidenta e a secretaria xeral da entidade durante o ano 2020, Josefina González e María Luisa Nespereira.

A demanda chega logo dunhas dilixencias de investigación pola obtención dunhas subvencións presuntamente obtidas de forma fraudulenta, simulando máis licenzas federativas das que realmente terían os clubs investigados, entre eles a Escola de Kickboxing Cipri Gómes, a Fundación Cipriano Gomes, o Club Black Kick Competición e o Kickboxing Club Xinzo.

Estas subvencións, convocadas pola Deputación de Ourense o 17 de xaneiro de 2020 e destinadas a clubs deportivos da provincia, tal e como se recolle no BOP do 31 de xaneiro dese ano, exixían "posuír, polo menos, un equipo base acreditado, é dicir, inferior á categoría sénior ou absoluta, e para os clubs que compitan en disciplinas individuais, un mínimo de 10 licenzas federativas de deportistas de base en competición", percibindo os clubs anteditos unha cantidade total de 5.582 euros.

Non obstante, e segundo a documentación xudicial á que tivo acceso Nós Diario, o número de licenzas xustificativas para acceder a estas subvencións non se correspondían coa realidade, razón pola cal a Fiscalía decidiu interpor denuncia ante o Xulgado de Garda de Ourense por un delito continuado de falsidade documental e un delito continuado de estafa contra González, Nespereira e Gómes.

Este xa fora condenado en 2017 por un delito de falsificación de documento público e o cal, a día de hoxe, continúa no cargo de presidente da Federación Galega de Kickboxing.

Comentarios