Entrevista

Paula Blanco, kickboxer: "Os meus pais teñen que gastar moitos cartos para que poida competir"

Conversar con Paula Blanco (Noia, 1999) é facelo cunha desas campioas galegas anónimas que non obtén o recoñecemento que merece pese a ser a mellor nunha disciplina que, como a maioría das non maioritarias, non podería desenvolver sen o apoio da súa familia ante a escaseza das axudas das Administracións.
A galega suma sete medallas de ouro no Campionato de España. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A galega suma sete medallas de ouro no Campionato de España. (Foto: Nós Diario).

—Entrou vostede no mundiño das artes marciais, como tantos nenos e nenas galegas, a través das actividades extraescolares e, no seu caso concreto, mediante o taekwondo. Como e cando ten lugar a transición ao kickboxing?
A transición do taekwondo ao kickboxing nunca foi total, pois a día de hoxe continúo practicándoo. A toma de contacto inicial co kickboxing foi tendo eu arredor de 10 anos, e pouco a pouco, sobre todo tras a pandemia da Covid-19, si que me dediquei máis ao kickboxing, porque no taekwondo houbo unha parada competitiva moi grande, por iso tirei un pouquiño máis por aí, pero as dúas son compatíbeis.

—Dentro do amplo espectro dos deportes de contacto, por que escolleu o kickboxing?
Dentro do taekwondo hai dúas modalides: tul e combate.  A primeira é máis técnica, é a segunda máis directa, corpo a corpo, que é o que me gusta a min. Cando comecei vin que o kickboxing, todo el, estaba baseado no combate, e iso foi o que me decidiu.

—Cales son, a grandes trazos, as principais diferenzas entre esa variedade de combate do taekwondo e o kickboxing?
Eu fago taekwondo tradicional, que non é o que ve a meirande parte da xente nos Xogos Olímpicos; alí só se poden usar as pernas, e eu uso puños e pernas. Despois, o kickboxing en tatami ten tres modalidades: point fighting, que está sustentado na rapidez, pois a primeira que mete o punto é a que queda con el; light contact, que é a que máis se asemella ao taekwondo que practico, que consiste nun combate que se disputa todo de seguido, pero só se pode pegar por enriba da cintura, con puños e patadas e contacto controlado, é dicir, non é como nun ring, que podes ir buscar o KO; e, por último, está o kick light, que é moi similar ao light contact, pero a zona de golpeo comeza nos xeonllos, polo que podes pegar tamén nas pernas. 

—Agora está vostede vivindo en Madrid a causa dos seus estudos. Como argallou para organizar os seus adestramentos na capital do Estado? 
Polo de agora estou traballando pola miña conta mentres busco un ximnasio onde adestrar, pero é complicado, porque hai moitos, pero a maioría son para principiantes, e eu busco un que teña nivel de competición para seguir arriba. Mais o certo é que levo aquí un par de semanas e aínda non teño intención de estresarme porque non atope nada, algo ten que haber (ri).

—Porque o seu nivel é moi elevado, como acredita a súa condición de sete veces campioa de España. En canto atope club e recupere esas dinámicas de traballo, cales son os seus próximos obxectivos competitivos?
Este ano haberá campionatos aos que me custe máis ir, seino, pero acudirei a todas as competicións que poida, especialmente ao Estatal, que será entre maio e xuño do 2024, coa intención de revalidar o meu título e lograr a clasificación para o Europeo, que aínda non ten datas. Ademais están as opción de participar na Copa do Mundo, a Copa de Europa... sempre que os estudos non sexan impedimento, tratarei de ir a todas.

—E que o peto o permita, porque, como en practicamente todas as disciplinas non maioritarias, a súa non está profesionalizada e require un gran esforzo económico...
Si. O meu club [ITF de Noia] dá unha axuda bastante grande, e estou moi agradecida, pero os meus pais teñen que gastar moitos cartos para que poida competir. A nivel da Xunta hai unhas axudas para as que somos Deportistas Galega de Alto Nivel, pero é anual e non chega para todos os campionatos que teño. Sempre temos que facer o desembolso nós.


Un deporte que axuda a "desconectar" 

Na súa faceta de estudante, a noiesa Paula Blanco conta co deporte como gran aliado, pois o kickboxing e o taekwondo axúdanlle a "desconectar": "Notaba que en época de exames, cando adestraba, desconectaba moitísimo, axudábame a desestresarme, a quitar a tensión de enriba".

Blanco, apostila resaltando que esa "sensación de benestar" chega "facendo calquera deporte", e que outra contribución positiva que a práctica das artes marciais tivo na súa vida é que lle achegaron "perseveranza", en especial en momentos de "agonía".

"Aprendes a estar calmada, e cun espírito indomábel de superación que fai que penses que, se non conseguiches algo hoxe, xa o farás mañá", engade a sete veces campioa de España, concluíndo con palabras de cariño ao seu irmán pequeno, Manuel, quen seguiu os seus pasos e xa é campión galego de base.

Comentarios