Entrevista

Anxo Vidal, subcampión do mundo de kickboxing: "Ogallá esteamos nos Xogos de 2032"

Anxo Vidal (Soutomaior, 2003) vive en Melilla desde hai 10 anos, pero nunca perdeu a vinculación coa súa terra nin co Club Kickboxing Arcade, no que aprendeu todos os segredos dun deporte de contacto no que o seu é un dos nomes máis brillantes, como acredita a súa prata no recente Mundial de Albufeira (Portugal).
O galego destaca en dúas modalidade diferentes do kickboxing. 8Foto: Nós Diario).
photo_camera O galego destaca en dúas modalidade diferentes do kickboxing. (Foto: Nós Diario).

—Flamante subcampión do mundo sénior de light contact, ademais de número '1' do ránking planetario en kick light, cales son as diferenzas entre estas modalidades de kickboxing e en cal se sinte máis cómodo?
No noso deporte hai especialidades de ring e de tatami. Eu practico esta última, que é a que fai case todo o meu club, o Arcade, e aí non imos a buscar o KO. É dicir, o contacto é controlado, nunca pleno, pegando demasiado forte, por así dicilo. Dentro desa rama de tatami hai varias disciplinas. Unha das que fago é a de kick light, na que hai que pegar á perna, e outra é light contact, na que as patadas só poden pegar por enriba da cintura. 

—Os seus resultados son extraordinarios en ambas, pero en cal delas se sinte máis cómodo? Suponlle algún problema compaxinar unha e outra?
Na primeira que dicía, kick light.  Pero, por exemplo, no Mundial saquei máis resultado na outra, en light contact (ri). Con respecto á túa segunda cuestión, para nada, e iso que comentaba é un bo exemplo, que saquei mellor resultado na que en teoría non se me dá tan ben.

—Comezou moi novo neste mundiño do kickboxing, con só catro anos. Que o namorou deste deporte de contacto sobre outros tantos que hai a día de hoxe?
Empecei co meu adestrador no Kickboxing Club Arcade, Lito [Álvarez], porque na nosa vila só podías facer dous deportes: fútbol ou kickboxing, non había máis onde escoller. Tamén fixen fútbol, pero o que máis me gustaba era o kickboxing, pola forma en que o entendían alí: 80% eran xogos e 20% adestramento como tal, había un montón de nenos... e, ao final, co tempo o fútbol quedou no camiño e o kickboxing segue aí comigo.

—Cando tivo lugar ese paso do kickboxing como xogo infantil ao escenario competitivo?
Moi novo, con seis ou sete anos, en torneos sen contacto. Fas como unha simulación de contacto no que os nenos non se tocan. Iso non foi até os 15-16 anos, cando marchei vivir a Melilla. Desde aí, como gañei seguín competindo.

—Como afectou ese cambio tan radical na súa vida como foi o traslado a Melilla na súa progresión deportiva?
Non afectou, pero puido. De feito estiven a piques de tomar unha decisión difícil, porque en Melilla faise de diferente forma, non é tan dinámico, é máis aburrido, non tes obxectivos, pois non hai competicións... só unha chamada de Lito fixo que seguise. 

—Ese traballo de base co seu preparador no Arcade semella que o marcou moito...
Si. Desde o comezo sentes o cariño do adestrador, dos compañeiros, e como vas mellorando até engancharte a un deporte que fan que non sexa aburrido como o preparan noutros sitios.

—Deixando atrás o pasado e ollando cara ao futuro, o kickboxing estivo a un paso de ser incluído no programa olímpico dos Xogos de 2028. Soña con que o COI tome a decisión definitiva de cara a 2032? Por idade podería chegar aínda instalado na elite internacional.
Os Xogos Olímpicos son a meta de cada deportista, é o máximo en cada deporte. É certo que en 2028 o kickboxing quedou ás portas, e todo dependerá do que decida o Comité Olímpico Internacional, pero podería entrar. Ogallá que si, porque medramos moito nos últimos anos, a nivel de tatami especialmente está vivindo un boom, e hai que aproveitalo para que sobre todo os nenos sigan entrando. Con sorte en 2032 poderemos estar alí [nos Xogos de Brisbane]. 

Soutomaior acolle o mellor club do Estado

As orixes do kickboxing son confusas, mais se algo é seguro e que están no outro lado do mundo, ora en Tailandia, ora en Xapón, segundo a teoría que se acepte como correcta. Non obstante, e especialmente a partir da década dos 90 do século pasado -ao que contribuíu especialmente o, para moitos, filme máis popular de Jean Claude Van Damme, Kickboxer-, a súa popularización e expansión polo resto do planeta foi rapidísima, e a Galiza non foi unha excepción, estando en territorio galego o considerado como mellor club do Estado, o Kickboxing Club Arcade.

Representantes dos pais e nais da rapazada que asiste ás clases dun equipo que en 2023 foi o primeiro na Liga Nacional e no Campionato de España por clubs destacan o "felices" que están tanto co club como coas "axudas" que reciben os que están empadroados no Concello de Soutomaior.

Comentarios