O 'play-off ' de ascenso a Segunda será catro días antes

A Federación reprograma o 'play-off' para o 4 e 5 do mes de xuño unha fase de ascenso á que optan Deportivo, Celta B e Rácing.
O Real Club Deportivo da Coruña empatou na casa do Talavera (1-1) noutro mal partido a domicilio. (Foto: RC DEportivo).
photo_camera O Real Club Deportivo da Coruña empatou na casa do Talavera (1-1) noutro mal partido a domicilio. (Foto: RC DEportivo).

Restan tan só cinco partidos para que remate a fase regular da Primeira RFEF, a terceira categoría do fútbol a nivel estatal, que dará paso a unha fase de ascenso na que, se nada se torce,  participarán os tres representantes da Galiza: Deportivo da Coruña, Rácing de Ferrol e Celta  de Vigo B.

Orixinalmente, a Federación Española sorprendeu programando ese play-off entre semana, concretamente os días 8 e 9 de xuño, cuarta e quinta feira, respectivamente. Non obstante, a Comisión Delegada do ente anunciou na xornada de onte que adiantaba eses partidos até a fin de semana anterior, e agora disputaranse o sábado 4 e o domingo 5 de xuño nunhas sedes aínda por determinar, aínda que todo apunta que serán os estadios da Malata, en Ferrol; Balaídos, en Vigo; e Riazor na cidade herculina, A Coruña.

De confirmarse, esta sería a mellor nova do ano para o Dépor, pois nesta última xornada volveu dar mostra da súa debilidade fóra da casa. Ante o Talavera, un rival moi inferior a todos os niveis, os pupilos de Borja Jiménez non puideron pasar do empate (1-1) nun choque nos que os deportivistas evidenciaron un preocupante esgotamento físico.

Todo o contrario que o Rácing de Ferrol, que da man dun Joselu que parece ter 24 anos en lugar de 34 recuperou a senda vitoriosa tras o tropezo da pasada semana ante o Zamora do galego Yago Iglesias a costa da sempre perigosa UD Logroñés (1-2).

Por último, o Celta B concluíu en táboas o choque contra o Calahorra, e a súa posición na táboa a día de hoxe abriría a opción dun duelo fratricida entre o filial celeste e o Deportivo cun posto en xogo na Segunda División, categoría na que o Club Deportivo Lugo deu un pequeno paso máis para certificar matematicamente unha permanencia que xa é virtual logo de empatar a cero goles co Leganés.

Finaliza a Terceira RFEF

A alegría albivermella foi moito maior logo de que o segundo equipo lucense, o Polvorín, confirmase o seu ascenso directo a Segunda RFEF tras concluír en primeira posición na Terceira Galega. Con respecto ao play-off, Ourense, Somozas, O Barco e Fabril loitarán por acompañar o filial do Lugo na cuarta categoría nun final de campaña 2021/22 onde o Dépor B xogábase todo a unha carta ante o Vilalbés, a quen superou por 3-0 en Abegondo. 

Comentarios