No Betis apostou na canteira

Pepe Mel, novo treinador do Dépor

A falta da protocolaria confirmación oficial, Pepe Mel é o novo inquilino do banco branquiazul. Sentará nel xa esta quinta feira en Riazor, face o Atlético de Madrid. É un técnico con experiencia na elite. Sabe de ascender equipas e de evitar descensos.

Pepe Mel
photo_camera Mel, nun adestramento co Betis

Co Betis conseguiu ascender por dúas veces a Primeira División e, nunha efémera experiencia na Premier, no West Bromwich Albion, foi quen de evitar o descenso de categoría. Con esa misión chega a Coruña, para se pór ao fronte dunha equipa desquiciada que non gañou un só partido en 2017 e que sumou como derrotas os seus últimos catro compromisos ligueiros.

Mel ten 15 partidos por diante e un calendario endiañado nada máis chegar: quinta feira na casa contra o Atlético e domingo no Molinón face un rival directo na loita por eludir o descenso, o Sporting.

Apaña a equipa fóra da zona mortal da clasificación -está dous pontos por cima do descenso e cun partido menos, o aprazado no seu día polo temporal co Betis en Riazor- mais tamén terá de xestionar un grupo coa moral polo chan, un grupo ao que deberá devolver a autoestima.

Mel terá de xestionar un grupo coa moral polo chan, un grupo ao que deberá devolver a autoestima

Chega a Coruña con Roberto Ríos como segundo treinador e con David Gómez como preparador físico. Ten 53 anos e, para demostrar que non só de futebol vive o home, cultiva a literatura, con tres novelas xa publicadas ás súas costas.

Gosta da canteira, como mostrou no Betis, e nos proxectos e meio e longo prazo. Ficha polo que fica de temporada, con opción a unha máis se cumpre o obxectivo. E o obxectivo non é outro que manter a equipa na Primeira División.

Comentarios