Continúa a negociación con Pepe Mel

Cristóbal dirixirá o primeiro adestramento do Dépor após a destitución de Garitano

Esta segunda feira o Dépor volta aos adestramentos con Cristóbal Parralo, o treinador do Fabril, como técnico provisorio. O clube continúa a negociar a incorporación de Pepe Mel.

cristóbal
photo_camera Cristóbal

Pepe Mel é o plano A da equipa directiva que lidera Tino Fernández para achar un relevo a Gaizka Garitano, cuxo cesamento o clube coruñés confirmou oficialmente nun comunicado pendurado na súa web ás 21.45 horas deste domingo.

Na nota o Dépor "agradece sinceiramente ao técnico vasco e á súa equipa de traballo a dedicación, o esforzo e a profesionalidade que demostraron durante esta etapa en que dirixiron a equipa".

A relación entre Tino Fernández e Garitano sempre foi boa no terreo persoal, un factor que permitiu ao treinador vasco sobreviver a unhas últimas semanas cargadas de críticas contra a súa xestión.

Garitano deixa o Dépor na decimosexta posición, dous pontos por cima do descenso e cun partido menos. O problema para el non está tanto na praza que ocupa a equipa neste momento, senón nas sensacións que está a oferecer no tramo decisivo do campionato (aínda non venceu un choque en todo 2017 e os últimos catro xogos sumounos como derrotas). O calendario reserva agora choques durísimos (esta quinta feira en Riazor contra o Atlético e a fin de semana agarda unha visita-nova bola de partido a Xixón) e o staff técnico de Abegondo interpretaba que Garitano chegaba exhausto e sen ideas novas ao treito verdadeiramente crucial do curso, aquel en que safas ou te vas directamente ao foxo da Segunda.

Provisoriamente faise cargo da equipa Cristóbal, o míster do Fabril, precisamente no momento en que o filial se acaba de empoleirar na primeira praza da súa liga, a Terceira División. En principio é unha solución de emerxencia -dirixirá o adestramento esta mañá en Abegondo por volta das 11 horas- porque a intención do clube é incorporar nas próximas horas Pepe Mel, o ex do Betis, unha opción que xa se barallara no pasado en diversas ocasións por parte do estado maior do clube da Praza de Pontevedra.

Garitano é xa o cuarto treinador cesado por Tino Fernández desde que asumiu a presidencia do clube en xaneiro de 2014, após Fernando Vázquez, Víctor Fernández e Víctor Sánchez del Alamo.
 

Comentarios