Fútbol

7.000 abonos, o obxectivo do Rácing no regreso a Segunda

Os ferroláns gañaron esta cuarta feira ante a Ponferradina.
A Malata, nun partido da pasada campaña. (Foto: Racing)
photo_camera A Malata, nun partido da pasada campaña. (Foto: Racing)

"Co Racing ascendemos todos". Ese é o lema elixido polo club ferrolán para lanzar a campaña de abonados da tempada que máis ilusión esperta dos últimos anos, a primeira en Segunda División tras a 2007-08. O obxectivo é moi ambicioso: 7.000 abonados e abonadas para arroupar o Racing nos 21 partidos que acollerá este curso o estadio da Malata.

E o desembolso, afirman desde a entidade verdibranca, "moi semellante" ao do pasado ano, perante unha política de prezos que busca "recoñecer e premiar a fidelidade dos seareiros". Para iso, prímase o "compromiso a longo prazo" a través dun abono que garanta a asistencia regular ao campo.

Os prezos oscilarán, na idade adulta —de 30 a 65 anos—, entre os 135 euros dos fondos Norte e Sur e os 245 da Tribuna, alén dos 185 euros que custa Preferencia, mentres os sénior —máis de 65 anos— pagarán 100 euros nos fondos, 135 en Preferencia e 185 en Tribuna; os sub-30, 50 euros, 100 e 135, respectivamente, os sub-20, 30 euros, 40 e 50, respectivamente, e os da categoría infantil 10 euros en todas as bancadas.

A outra gran novidade radica na posibilidade de tramitar o carné de forma telemática a través dunha plataforma habilitada pola entidade ferrolá.

Vitoria ante a Ponferradina

Nun amigábel esta cuarta feira ante a Ponferradina, o conxunto da cidade de Ferrol impúxose por 2-0 con goles de Carlos Vicente nos compases finais da primeira metade e de Iker nos últimos momentos do encontro. Os verdibrancos foron superiores en practicamente todo momento nun partido trabado sen excesivas ocasións de gol.

Comentarios