O Celta reforza a súa zona defensiva coa incorporación do central sueco Carl Starfelt

Chega procedente do Celtic de Glasgow escocés e asinou contrato por catro anos
Os 1,85 metros de altura de Starfelt tradúcense en 70% de éxito nas disputas nos balóns aéreos. (Foto: The Celtic Star).
photo_camera Os 1,85 metros de altura de Starfelt tradúcense en 70% de éxito nas disputas nos balóns aéreos. (Foto: The Celtic Star).

"Ola, son Carl, estou en Vigo, ala Celta!". Son as primeiras declaracións como celtista da última sinatura do novo proxecto comandado por Rafa Benítez, o sueco Carl Starfelt.

Defensa central nado en Estocolmo en 1995, deu os primeiros pasos da súa carreira no seu país natal, onde tras militar en conxuntos como Brommapojkarna e Göteborg deu o salto ao Rubin Kazan ruso en 2019, onde permaneceu até a súa fichaxe, a cambio de catro millóns de libras, polo histórico Celtic de Glasgow en 2021, club do que chega á escuadra olívica.

Durante as súas dúas tempadas nos Hoops disputou un total de 7.501 minutos distribuídos en 87 partidos, contribuíndo fundamentalmente a que os seus se proclamasen campións da liga escocesa e da Copa da Liga en 2022, así como da Copa de Escocia a pasada tempada 2022/23.

As súas actuacións elevárono a ser considerado como un dos mellores defensas do campionato, sendo o número un tanto en roubos de balón como en interceptacións, así como nos duelos por pelotas aéreas.

A súa chegada a Vigo, por unha cantidade que ningunha das dúas entidades implicadas no traspaso confirmaron até o de agora, responde a razóns que van máis aló do eido estritamente deportivo, tal e como sinalou o seu preparador até o de agora, Brendan Rodgers.

O técnico recoñeceu que, alén "da superioridade deportiva e económica do campionato español" sobre o escocés, detrás da partida do sueco estaba a "relación" sentimental que mantén coa futbolista Jacynta Galabadaarachchi, quen até este verán compartía escudo con Carl Starfelt no Celtic e que recentemente asinou polo Sporting de Lisboa.  E, para non estar separados por 3.000 quilómetros, senón unicamente polos 400 que hai entre Vigo e a capital portuguesa, abandonou un club no que exhibiu o mellor rendemento da súa traxectoria deportiva.

A festa do polbo trae consigo un Lugo-Arenteiro

Sen saír do fútbol, pero cambiando a Primeira División pola primeira Federación, dous dos catro representantes galegos na categoría de bronce, Arenteiro e Lugo, disputan hoxe o Trofeo Festa do Polbo, no marco do evento homónimo que estes días revoluciona a vida no Carballiño.

O balón comezará a rodar sobre o céspede do campo de Espiñedo a partir das 19.30 horas, nun choque pactado desde a fichaxe por parte do conxunto albivermello a tempada pasada -cando aínda militaba na Segunda- do adestrador do Arenteiro, Fran Justo. Alí, ambos os contendentes depurarán estratexias e afinarán a súa posta a punta de cara ao próximo inicio da competición oficial. 

Comentarios