O Noia dá un paso de xigante con Pola

O único conxunto da Galiza na elite do fútbol sala masculino fecha a fichaxe dun dos mellores xogadores galegos de todos os tempos.
Pola tornou nun dos mellores xogadores do Estado na última década en Movistar Inter. (Foto: Noia FS).
photo_camera Pola tornou nun dos mellores xogadores do Estado na última década en Movistar Inter. (Foto: Noia FS).

Adrián Alonso Pereira, ‘Pola’, é novo xogador do Noia Portus Apostoli FS.

O equipo de Tomás de Dios engade ao seu esquema a un dos mellores xogadores da Liga Nacional de Fútbol Sala na última década, na que levantou o campionato de Europa de seleccións e numerosos títulos a nivel de clubs.

Pola comezou a súa andaina no fútbol sala no Redondela, de onde deu o salto ao autos Lobelle de Santiago, onde logrou medrar da man do que será de novo o seu preparador no Noia, Tomás de Dios.

O seu gran rendemento na capital serviulle como plataforma para saltar ao todopoderoso Movistar Inter, no que emerxeu como un futbolista único.

O pasado mes de xaneiro regresou ao club interista tras pasar a anterior tempada e media no SC Braga portugués e no Sandro Abate italiano.

En total, no seu palmarés figuran dúas UEFA Futsal Cup, seis Ligas, cinco Copas de España, dúas Copas do Rei, seis Supercopas de España e dúas Copas Galiza.

Comentarios