Javier Barreiro, director xeral do Noia: "O conflito Liga-Federación está danando o fútbol sala"

O Noia Portus Apostoli é o único equipo galego masculino na máxima categoría do fútbol sala estatal. O seu director xeral, Javier Barreiro (Noia, 1982), analiza para Nós Diario o bo momento deportivo do club, rememora o histórico ascenso da tempada pasada, a escaseza de futbolistas galegos no club e non dubida en mollarse na polémica entre LNFS e RFEF.
A Sangriña aínda está en obras, pero estará lista para o regreso do Guardés o sábado 10 de decembro. (Foto: Noia Portus Apostoli).
photo_camera "O único obxectivo é a permanencia", lembra Javier Barreiro. (Foto: Noia Portus Apostoli)

—Noia Portus Apostoli non só é o único equipo galego na máxima categoría do fútbol sala masculino estatal, senón que tamén é o segundo con sede nunha cidade máis pequena e o terceiro máis novo do torneo. Como chega un club fundado en 2008 nunha vila que non chega aos 15.000 habitantes ao nivel de xigantes como Fútbol Club Barcelona, Inter de Madrid ou El Pozo Murcia?
Chegamos a estar na elite con moito traballo, esforzo e dedicación durante anos dun grupo humano que conforma a directiva que me acompaña, os xogadores, técnicos, institucións, casas colaboradoras e toda unha vila que nos apoiou para medrar aos poucos e poder gozar deste momento único, pois non sempre se poderá alardear de que unha localidade de 14.000 habitantes teña un equipo na máxima categoría dun deporte.

—Sobre a pista, semella que a adaptación á elite non puido ser mellor, pois o equipo ocupa un posto na zona media da clasificación e, independentemente de que gañe ou perda, sempre compite. Agardaban uns resultados tan positivos cando planificaron a campaña?
Sabíamos que por estatísticas todos os equipos que suben acaban sufrindo moitísimo. A día de hoxe non o estamos facendo, e de feito estamos gozando, pero a Liga está moi igualada e penso que a salvación estará cara, arredor dos 30 puntos, así que só queda seguir nesta liña para conseguir máis e máis e así certificar o obxectivo. 

—Porque ese obxectivo continúa sendo a salvación, ou está permitido soñar?
Si, calquera que pense o contrario ten unha perspectiva equivocada. Hai que ter os pés na terra e estar centrados para lograr o obxectivo da permanencia.

—A súa afección vén de recibir a pasada semana o premio que entrega a Liga Nacional de Fúbol sala como 'Mellor Afección' da Segunda División. A pesar da escasa capacidade do Agustín Mourís en comparación con outros pavillóns da competición, están notando na Primeira esa forza que os conduciu até o máis alto?
Por suposto, nótase moito. O ascenso repercutiu moi positivamente, porque o impacto é moitísimo máis grande, a masa social é moito máis grande, o seguimento de todo o mundo é moito máis grande que en Segunda... e non é para menos, porque temos a mellor liga do mundo na nosa vila. O pavillón quedóusenos pequeno, como o outro día contra o Barcelona. Ogallá puidésemos atender todas as peticións que temos, pero a capacidade do Mourís é a que é, así que hai que adaptarse. 

—Por comentar un aspecto negativo, coa excepción do lucense Adrián Rodríguez 'Pirata', o talento galego non está atopando un escaparate no seu cadro de xogadores, copado por futbolistas foráneos, especialmente brasileiros (10). A que se debe esta aposta polo activo estranxeiro en lugar de pola xente da casa?
É algo circunstancial, porque en anos anteriores tivemos máis galegos no equipo, e en próximas tempadas quizais volvamos contar con máis. 

—E, finalmente, agora que están entre os mellores, e que polo tanto xa se miran de ti a ti coa xente que toma as decisións, como analiza o conflito que desde hai anos manteñen polo control do deporte a LNFS e a RFEF e en que posición se sitúa o Noia Portus Apostoli?
Somos un club pro LNFS, claramente, pero tamén sabemos que a RFEF organiza a competición e convivimos con ela perfectamente. Penso que este conflito está lastrando o deporte, pois antes de que comezara estaba subindo como a espuma e agora semella estancado, así que debería solucionarse canto antes.

O paradoxo do éxito do Noia na pandemia

Os cimentos da Liga Nacional de Fútbol Sala tremeron coa crise provocada polo coronavirus, entrando nuns números vermellos dos que agarda saír na presente tempada 2022/23. Curiosamente, mentres numerosos equipos tanto da elite como da categoría de prata pugnaban pola supervivencia, o Noia Portus Apostoli viviu os seus mellores momentos, culminando co histórico ascenso de marzo pasado. Pese a ese "final feliz", Javier Barreiro lembra con congoxa eses "momentos duros" nos que foi "complicado cumprir con todo o pactado".

"Si que é curioso que esa crise provocada pola Covid-19 coincidira cos nosos mellores momentos a nivel deportivo, pero é certo que aínda arrastramos certas cousas que veñen daquela época e que, afortunadamente, están case todas superadas a día de hoxe, mais continúan a ser un lastre para certas cousas", di.

Comentarios