O Celta sabe sofrer e sabe gañar os partidos necesarios

A vitoria non era opcional. Era necesaria. Vital. Apañouna o Celta con solvencia, mas con sufrimento. O Levante desbaldiu un regalo arbitral en forma de penalti inxusto.

Plantilla Celta
photo_camera Plantilla Celta

Vale que o Levante está en terra de ninguén e que non se xoga grande cousa a estas alturas da temporada, mas precisamente por iso ás veces é máis difícil de bater a un rival que xoga sen presión, sen angustia. Conseguiuno o Deportivo no seu día e conseguiuno hoxe o Celta, con solvencia, con oficio. Os celestes encadean destarte dúas vitorias consecutivas por vez primeira no campionato e durmen esta noite fóra da zona do descenso.

O Celta fixo o preciso para gañar. Furar a baliza contraria e gardar a propia. O Celta puido marcar máis goles que o anotado por Augusto (m. 19), mas a puntería continúa a ser materia pendente dos de Resino. O Levante tivo tamén as súas opcións. Claro que Javi Varas non é dos gardamallas que facilitan o traballo ás equipas contrarias. Súa foi unha parada providencial no desconto. A vitoria valía. O empate, non. A diferenza púxoa Javi Varas.

Como estar aí abaixo e sofrer son a mesma cousa, Iago Aspas, na súa reaparición, foi castigado cun cartón amarelo, probabelmente de forma inxusta. Quinto cartón, así que, após a súa efémera reestrea, o futbolista de Moaña fica inhabilitado para o compromiso en Balaídos co Athletic Club.

Dúas notas finais. Primeira, o árbitro entregou un presente aos locais cando pitou un penalti por falta imaxinaria na área celeste. Xustiza poética: fallou Barkero e o taboleiro de marcas non foi alterado. Segunda, ao entrar Madinda no campo por Natxo Insa o Celta aliñou até 8 futbolistas no campo formados na factoría de A Madroa: fútbol galego sobrevivendo na elite.

O Celta apañou os 3 pontos e mostrou que sabe sofrer. Gañar cando é necesario é o mellor salvaconduto para ficar entre os grandes.

Levante: Keylor, D. Navarro, Vyntra, Barquero, El Zhar (Pedro Ríos, min.77), Acquafresca, Iborra, Rubén, Juanfran, Pedro López e Míchel (Simão, min. 45)

RC Celta: Javi Varas, Jony (Cabral, min.71), Vila, Túñez, Lago, Oubiña, Natxo Insa (Madinda, min.57), Álex López (Bermejo, min.77), Augusto, Krohn-Dehli e Aspas

Gol: Augusto, 0-1 (min.20);

Árbitro: Muñiz Fernández, do colexio asturiano. Amonestou David Navarro, Natxo Insa, Iago Aspas, Roberto Lago, Pedro López.

Comentarios