Entrevista

Sara Viéitez, pelexadora: "Existe moita ignorancia e prexuízos arredor das MMA"

Con apenas 30 anos, Sara Viéitez (Vigo, 1993) pode falar de si mesma como dunha pioneira, pois foi a primeira galega tanto en competir como en gañar un título a nivel estatal nas Artes Marciais Mixtas. Agora, completada a súa etapa 'amateur', comeza a dar o salto ao profesionalismo, para o que tivo que facer as maletas e migrar a Andalucía.
A viguesa adestra nun club de Sevilla, o Sutemi. (Foto: Nós Diario).
photo_camera A viguesa adestra nun club de Sevilla, o Sutemi. (Foto: Nós Diario).

—Desde outubro do pasado ano 2022 vive vostede en Sevilla, onde marchou para continuar coa súa formación como pelexadora de MMA no Sutemi, un club polo que pasaron nomes tan coñecidos como o de Enrique 'Wasabi'. Por que alí?
Fun ao Sutemi, onde Wasabi é o adestrador de MMA que ten o club, a raíz dun campo de adestramento que fixen o ano pasado cunhas rapazas aquí durante toda unha semana. Desde esa experiencia vin que necesitaba prepararme a certo nivel, con máis mulleres e cun equipo centrado na competición, que era o que eu realmente quería, para poder seguir evolucionando como deportista. 

—O 23 de setembro debutou como profesional en Miami, na promoción Combate Global, e cunha derrota ante a prometedora chilena Fernanda Orellana. A pesar de comezar ben, conseguindo acantoala contra a gaiola e conectando incluso algún bo xeonllo contra a zona abdominal, acabou por sucumbir ante unha manobra de submisión, o 'rear naked choke'. Cantas veces viu xa o combate desde aquel día?
Non sei nin cantas veces vin o combate (ri), pero valóroo como unha experiencia para corrixir erros e motivarme a seguir adestrando e mellorar. A verdade é que foi unha súper enriquecedora, pois nunca antes cruzara o charco sequera. E con respecto ao combate, no chan non agardaba que pasase o que pasou, pois o que máis temía dela era o seu striking [golpeo de pé], pero como na vida, unha mala decisión pode condicionar totalmente o teu resultado. 

—Cales son as principais diferenzas entre as MMA amateur, onde chegou a ser campioa de España -a primeira na historia galega- e as profesionais?
En primeiro lugar cambian os tempos dos combates. Salvo que disputes un cinto, que serán de cinco, os asaltos duran tres minutos en amateur, mentres que en profesional sempre son de cinco. Logo, as proteccións tamén cambian: non hai canaleiras como tal, e as guantillas en vez de ser de sete ou oito onzas, pasan a ser de catro, basicamente como se fosen un guante de moto. E, por último, no eido profesional están autorizados os golpes cos cóbados e cos xeonllos á cabeza mentres esteas de pé. Todo isto implica un maior esgotamento e que poidas recibir moito máis dano, por iso é unha modalidade para xente xa máis experimentada e en mellor forma física.

—O seu 'background' é de loita libre, onde ten ás súas costas unha ampla traxectória chea de medallas, as últimas neste 2023, en maio, cando volveu tras sete anos a competir en loita, sendo terceira no Estatal na modalidade olímpica e segunda na de praia. Que a motivou a dar o salto ás artes marciais mixtas.
Foi un pouco por probar outra disciplina, e gustoume, porque  son unha gran amante do deporte. De feito enganchoume tanto que decidín competir. Levo facéndoo desde os 13 anos, son unha competidora nata.

—É vostede unha pioneira na disciplina a nivel galego. Por que as mulleres aínda non se animan de todo a practicar as MMA?
É verdade que non hai moita representación feminina, até o punto de que eu fun a primeira galega en lograr competir a nivel estatal e tamén a primeira en gañar un título nas MMA. O certo é que non sei porque as mulleres non se animan, quizais por descoñecemento, porque este deporte aínda é un gran descoñecido. Ademais, tamén é unha disciplina moi agresiva visualmente, así que imaxino que os prexuízos ou a ignorancia en si sobre as MMA tamén inflúen.

Lagos (Portugal), próximo destino

A meta de Sara Vieítez, como a da inmensa maioría de pelexadores e pelexadoras que se lanzan a competir profesionalmente, é asinar pola UFC, a promoción máis importante do planeta. Porque, como ela mesma di, "se non soñas co máis alto, é mellor non soñar". Non obstante, para chegar até alí é necesario "completar obxectivos a curto prazo, ir facendo pelexas, gañar e obter un bo récord" que lle achegue ás grandes ligas.

Deste modo, o próximo reto da galega está en Lagos (Algarve), dentro de apenas 10 días, pois o próximo 2 de decembro entrará na gaiola contra Makhliyo Akhmadalieva, unha usbeca que cun récord de 4-4 acredita "moitísima mais experiencia profesional" que Viéitez, máis esta confía no seu "equipo, traballo e preparación" para derrotar unha muller que na súa última pelexa perdeu por unha submisión no brazo.

Comentarios