A Galiza terá o seu cinto de 'wrestling'

Vascos e cántabros lémbranse do país no seu novo campionato
O actual portador do cinto de campión que tornará no novo título da PWE e a NWC é 'Funky Monkey' Tyler Jackson. (Foto: North Coast Wrestling).
photo_camera O actual portador do cinto de campión que tornará no novo título da PWE e a NWC é 'Funky Monkey' Tyler Jackson. (Foto: North Coast Wrestling).

Un dos deportes, ou quizais sería mellor dicir deporte-espectáculo, no que a Galiza está perdendo o tren é o do wrestling ou loita libre. Por todo o territorio do Estado, de Barcelona a Madrid, de Santander a Cádiz, agroman cada vez máis promocións e escolas, mentres que aquí a afección ten que conformarse, polo de agora, con seguir o espectáculo por televisión ou facer as maletas se quere ver ou practicar esta disciplina tan popular nos Estados Unidos, Xapón ou México.

Non obstante, a escuridade non é total, e unha empresa, Pro Wrestling Euskadi (PWE), lembrouse da Galiza no seu novo título, un cinto do Norte do Estado que será representativo dos territorios máis septentrionais da Península Ibérica: a propia Euskadi, Cantabria, Asturias e o país galego.

O responsábel da PWE, Francisco Garralda, explica a Nós Diario que este futuro campionato é unha iniciativa con outra empresa, a cántabra North Coast Wrestling (NCW): "Queremos crear un título que sexa representativo desa área norte na que aínda non hai moita actividade de wrestling, especialmente na Galiza e Asturias, e darlle un sentido de pertenza". 

Polo de agora, conta Garralda, empregarán o deseño do actual campionato da North Coast Wrestling, pero a súa idea é "cambialo cando sexa posíbel, porque os cintos son moi caros". 

Con respecto ao momento da estrea deste trofeo, o loitador santanderino e coordinador xeral de Pro Wrestling Euskadi non pode concretar unha data, pero avanza que a súa idea é "presentalo nun torneo durante varios shows tanto de NCW como de PWE". "Xa veremos cantos loitadores participan, pero serán todos eles da zona norte, en especial de Cantabria e do País Vasco, que é onde estamos tendo máis actividade, pero igual acaba xurdindo algo na Galiza, quen sabe, a nós encantaríamos ir alí, ou colaborar cunha futura empresa da zona", engade.

Podería ser un galego o primeiro en inscribir o seu nome no palmarés? Non parece moi probábel, pois Garralda recoñece que "o último loitador da Galiza" co que coincidiu nun show "foi TeKa, un rapaz da Coruña, moi novo, e iso foi aló polo 2007". 

Andrés Balsa, o mellor da historia

O mellor e máis popular wrestler galego de todos os tempos é Andrés Balsa, un mugardés que percorreu o mundo loitando, desde Inglaterra a Panamá, a Arxentina, Cuba ou os Estados Unidos no primeiro terzo do século XX.

Fillo dun humilde labrador e neto de nai solteira, a infancia deste rapaz nado o 11 de marzo de 1883 transcorreu como a de todos os demais nenos, cunha única diferencia. el era grande, moi grande. E forte, moi forte.  Tanto, que chegado á adultez superou os dous metros de altura e os 100 quilos de peso, o que lle outorgaba unha "hercúlea" imaxe da que adoptou o seu alcume, o Hércules de Mugardos.

A pesar de que a súa técnica deixaba que desexar, a súa enorme forza fíxolle destacar na escena do wrestling -e do boxeo- do continente americano, a onde chegou tras enrolarse na mariña mercante.

O mellor da súa carreira tivo lugar na segunda metade da década dos anos 10, cando obtivo varias vitorias que o levaron a retar en 1921 polo cinto dos pesos pesados, caendo ante o lendario Jack Dempsey.  

Comentarios