Morre o magnífico centrocampista inglés Bobby Charlton aos 86 anos

Con George Best e Dennis Law, Bobby Charlton conformaba a Santísima Trindade do Marchester United.
Estatua de George Best, Dennis Law e Bobby Charlton, nos arredores do estadio do Manchester United (Foto: AFP7 / Europa Press).
photo_camera Estatua de George Best, Dennis Law e Bobby Charlton, nos arredores do estadio do Manchester United (Foto: AFP7 / Europa Press).

O futbolista Robert Charlton, coñecido como Bobby Charlton, faleceu este sábado aos 86 anos, segundo anunciou o club do seu corazón, o Manchester United. Nado o 11 de outubro de 1937 en Ashington, o centrocampista inglés foi galardoado co Balón de Ouro en 1966, o mesmo ano que foi campión do mundo coa selección inglesa. Era coñecido pola súa chegada ao remate desde o mediocampo e polos seus brillantes disparos desde lonxe.

"Sir Bobby foi un heroe para millóns de persoas, non só en Manchester ou no Reino Unido, senón en calquera lugar do mundo onde se xoga ao fútbol. Foi admirado tanto pola súa deportividade e integridade como polas súas destacadas calidades como futbolista. Sempre será lembrado como un xigante deste deporte", sinalou o United.

Debutou co primeiro equipo do Manchester United en 1956, no que permaneceu até 1973. Nas dúas primeiras tempadas xa conseguiu facerse cun posto no once inicial. Nesa época, sobreviviu ao accidente de aviación de Múnic, o 6 de febreiro de 1958, e onde faleceron 24 persoas, entre elas a metade do cadro de xogadores do seu equipo.

Despois de axudar ao United a gañar a liga en 1965, conseguiu ao ano seguinte ser campión coa selección inglesa, no Mundial disputado neste mesmo país. En 1968 gañou a Copa de Europa, anotando dous goles na final.

Disputou 758 partidos e marcou 249 goles como rede devil gañando tres Ligas, unha FA Cup e unha Copa de Europa en 1968. Ademais, foi o estandarte da Santísima Trindade na que brillou xunto a George Best e Denis Law.

Retirouse como o máximo anotador tanto da selección coma do United, e como o xogador con máis encontros disputados co club, até que foi superado por Ryan Giggs en 2008. En 1984, e despois de ser preparador do Wigan Athletic FC por un tempo, volveu ao club da súa vida coma un dos asesores deportivos do equipo de Old Trafford, cargo que mantivo até o día de hoxe.

Comentarios