Nin a relixión, nin o fútbol, outra relixión nalgures, son temas da nosa devoción, mais nos derradeiros días do pasado ano, dúas noticias viñeron ocupar as páxinas dos xornais cos falecementos do Papa emérito Benedito XVI e máis de Edson Arantes do Nascimento, máis coñecido como Pelé, “o Rei do Futebol”. O seu inxente palmarés deportivo, a sua biografía, anécdotas deportivas... foron recuperadas no seu panexírico mais, pouco se falou da sua relación con, ao menos dous descendentes de galegos da emigración, básicos na sua traxectoria e xa nacidos en Santos. Un deles foi Luis (Luiz) Alonso Pérez máis coñecido como Lula, adestrador do Santos, nacido en 1922 nesta cidade e fillo de emigrantes da provincia de Ourense que antes de se dedicar ao futbol exerceu de panadeiro co seu pai e foi chofer de taxi.

O Lula por simple afección ofreceuse ao Santos para adestrar aos nenos e en 1954 foi chamado para sustituir, provisoriamente, ao demitido adestrador Moreira,unha provisionalidade que perduraría doce anos e medio. Con deceas de títulos gañados nunha época histórica e coa, quizáis a mellor equipa do mundo, era denominado pola torcida como “O professor”. Neste equipo pronto comezaron a destacar xogadores moi noviños e conformou o chamado “Ataque dos Sonhos”, un sistema ofensivo de cinco xogadores, conformado por Dorval, Mengálvio, Coutinho, Pelé (alcumado desta “O Gasolina”, máis potente que o diésel) e o galego Pepe.
...Pelé e Pepe, José Macía Arias, considerado por moitos como o mellor xogador galego de todos os tempos, entendendo por galegos tamén aos fillos dos emigrantes, apreciación que ainda corrobora a sua filla Gisa Macía declarando que na sua familia ainda se consideran galegos de corazón. José Macía naceu en Santos o 22 de febreiro de 1935 e os seus pais eran José Macía da parroquia de Santo André de Rabal, (Oimbra) e Clotilde Arias, de Santa María de Mandín (Verín), ambos pobos moi próximos e na cidade brasileira conseguiron sair adiante cunha mercearia (tenda de comestibles).
Entre o 1954 e 1969 xogou no Santos (o seu único equipo) coa tamén chamada “dianteira de ouro” que tantos títulos lle deu ao club como duas Copas Libertadores de América e outras tantas Intercontinentais. Pepe foi o xogador do Santos que más títulos conseguiu (27, un máis que Pelé) e o segundo goleador da historia do club, despois do seu mítico compañeiro. Neste sentido (405 goles en 750 encontros) Pepe sempre dicía que el era o primeiro goleador pois Pelé non contaba, non era humano: “Chegou de Saturno”. Cabe que o hipocorístico Pepe (ou Pepé) fose considerado xa como o alcume habitual que adoitan usar os brasileiros, mais entre a torcida santista era denominado como “O canhão da Vila” en referencia ao barrio de Belmiro onde se ubica o estadio dos “peixes”, como slle din aos seareiros do club.
Despois de dous anos gañando, o Santos non conseguiu ser campión de América e decidiu facer unha xira por Europa, recalando o 21 de xullo de 1959 en Riazor para disputar o XIV trofeo Teresa Herrera contra o Botafogo, tamén repleto de figuras, ao que lle gañou por 4 a 1 goles. Esta recalada en Galiza permitiulle a Pepe visitar as aldeas dos seus devanceiros, Rabal e Mandín e nesta última ainda coñeceu á sua avoa materna que estaba a piques de cumprir 90 anos.

Na entrada do pobo recibírono os seus parentes e todo o pobo se volcou nas ruas para recibilo como a grande figura que era, asomando ás portas e xanelas para saudalo. Non era para menos pois Pepe, durante a sua traxectoria no Santos conseguiu 27 trofeos, un máis que Pelé, vestindo a camisola da selección en 41 ocasións, anotando 22 goles.
A única relación de Pelé con Galiza, xa fóra do fútbol, foi a sua visita a Vigo da man do empresario vigués Alejandro Figueroa, asentado no Brasil, para establecer co empresario da moda Gene Cabaleiro e o concurso do alcalde Manuel Soto, unha fábrica de pantalóns vaqueiros co nome do futbolista. Ainda que o proxecto non foi adiante, Pelé foi agasallado en diversos establecementos, recalando un dos días no restaurante Casa Simón de Cangas onde conservan unha foto asinada polo 'Rei'... do futebol.

Os galegos de Santos
Ainda que Bahía foi o lugar de destino da emigración pontevedresa (Pontecaldelas) ao Brasil, consta que foron varios naturais desta provincia, encabezados por Xosé V. Bojart e o seu irmán, quen constituiron en Santos o 6 de xaneiro de 1895 o denominado Casino Español. Aos poucos anos denominaríase como Centro Español, mais a pesar do nome, toda a directiva e a maioría dos socios eran potentados galegos que progresaran nos seus negocios. Esta cidade portuaria do Brasil alcanzaría no 1913 o liderado na exportación do café e atraería a moitos emigrantes portugueses, italianos, xapones e galegos en menor medida. Mais, os nosos paisanos diferenciaríanse dos outros emigrantes en que despois de exerceren diversos oficios menores, optaban por abrir tendas de comestíbles (mercearias), panadarías e carpintarías, ao menos os procedentes do Val de Monterrei.
O efecto chamada, a proximidade con Portugal e o coñecemento do galego e do portugués, facilitarían con moito esta emigración. Santos era desta o porto de recepción da maioría dos emigrantes mais durante os longos periodos ditatoriais posteriores a emigración foi restrinxida e endurecidas as condicións, sendo o reclamo e aval dos galegos asentados na cidade a unica opción de entrada no país. Nos primeiros anos do século XX contabilizábanse en pouco máis de 8.000, os residentes galegos na cidade e a maioría estableceron, como dixemos, comercios e panadarías, sendo moitos tamén os dedicados ao aserrado da madeira e á carpintaría de mobles.