Ciclismo

A montaña condiciona a Volta á Galiza na súa segunda tirada

O alto de Airapadrón (Samos) promete facer estragos.
Diego Uriarte. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Diego Uriarte. (Foto: Nós Diario)

A Volta á Galiza, que esta quinta feira disputou unha breve etapa prólogo contra o reloxo de 6,7 quilómetros da que saíu como vencedor e primeiro líder Diego Uriarte, do Equipo Finisher, que completou o percorrido en 8.19 minutos, disputa hoxe a súa segunda tirada consecutiva na Pobra do Brollón (Terra de Lemos) antes de pór rumbo ao sur do país con dirección á Pobra de Trives.

Con 148 quilómetros de extensión, o circuíto destaca pola súa esixencia, pois conta cun porto de terceira categoría, un de segunda e outro de primeira, o alto de Airapadrón (Samos), que presenta un desnivel medio de 10%. Non obstante, o feito de que esta cota estea separada da liña de meta en 28 quilómetros permitirá, previsibelmente, que as diferenzas de tempos non sexan tan avultadas como poderían selo de rematar en alto. 

Mazaricos organiza a Marcha Interxeracional

Por outra parte, o Concello de Mazaricos (Xallas) organiza para o sábado 23 de setembro a coñecida como Marcha Ciclista Interxeracional, que partirá ás 10.30 horas da Casa de Cultura -onde tamén está instalada a liña de meta- e contará cun descanso e avituallamento na área fluvial da Pontenova, a aproximadamente 3,5 quilómetros de distancia.

Máis de 100 corredoras no descenso DH A Fracha

A concelleira de Deportes de Pontevedra, Anabel Gulías, presentou onte a proba ciclista de descenso DH A Fracha, que se disputará ao longo do día de mañá no parque forestal da Boa Vila. O certame contará con máis de 100 participantes. Os adestramentos realizaranse entre as 10 e as 13 horas, mentres que a proba oficial será a partir das 16 e até as 20 horas, prevendo Gulías que será "todo un espectáculo para curiosas e seareiras do deporte".

Comentarios