A XORNADA FUTBOLÍSTICA

O Rácing continúa sorprendendo na Liga

A escuadra ferrolá empata a dous co Vilarreal B e conserva o invicto. Na Primeira Federación masculina, pola súa parte, ningún dos galegos foi quen de vencer, mentres que o Dépor abriu a feminina con triunfo.
Carlos Vicente está sendo un dos máis destacados do Rácing. (Foto: LFP).
photo_camera Carlos Vicente está sendo un dos máis destacados do Rácing. (Foto: LFP).

Zaragoza, Espanyol e Rácing son os tres únicos equipos da Segunda División que aínda non saben o que é a derrota logo da disputa das cinco primeiras xornadas de campionato.

O conxunto de Ferrol, que este verán recuperou o seu posto na categoría de prata despois de 15 anos de ausencia, está sendo a gran revelación do torneo, e hoxe, con independencia do que acontecese no Eldense-Alcorcón que se disputou na noite de onte, durmirá en postos de play-off de ascenso.

A última xesta dos xogadores dirixidos por Cristóbal Parralo tivo lugar contra o Vilarreal B na Malata, asinando un empate a dous goles que sabe a pouco, xa que por dominio, ocasións e xogo os Diaños Verdes mereceron o triunfo.

Porque, devolvendo a vixencia a aquel vello tópico futbolístico que di "quen perdoa, paga", o Rácing tivo moi boas ocasións nos intres iniciais, pero foi o Submarino Amarelo quen se adiantou, grazas a unha xogada illada no minuto 30. As táboas non chegarían até o '51, da man de Carlos Vicente e de penalti, abrindo un período de tolemia no que Forés volveu pór por diante o filial do Vilarreal no '59 até que, no '61, empatou Íker Losada, que con catro tantos xa é o cuarto máximo goleador da categoría de prata.

Xornada sen triunfos na Primeira Federación

E se na Segunda o Rácing non foi quen de vencer, tampouco o conseguiron ningún dos catro representantes da Galiza na Primeira Federación: Lugo -que xogou contra o Fuenlabrada-, Deportivo -ante o Teruel- e Arenteiro -que visitou o campo do Osasuna B-, que repetiron resultado, empate sen goles.

Os albivermellos non convenceron co seu xogo, comportándose como o equipo pequeno nun choque co antepenúltimo clasificado do campionato. Distinta foi a situación en Riazor, moi condicionada pola a temperá expulsión de Lúcas Pérez por agredir a un rival no minuto 30. O Arenteiro, pola súa parte, mereceu máis que o reparto de puntos no Tajonar. Menos sorte incluso tivo o Celta Fortuna contra o Cornellà (1-2), que tras adiantarse no marcador viu como se lle escapaban as táboas no minuto 91.

E escenario totalmente oposto foi o do Dépor no seu debut na Primeira Federación Futfem, pois as de Irene Ferreras gañaron 1-2 con tanto no '87 incluído ao Europa de Barcelona.

Comentarios