Centenario do Celta

Porteiros goleadores, 'Zamoras' e protagonistas en Europa: quen foi o mellor gardameta do Celta?

Entre Isidro, o primeiro porteiro do Club Celta, e Coke Carrillo, que se estreou como titular esta terza feira ante o Compostela, pasaron pola portaría celeste centos de gardametas que deixaron unha importante pegada en Balaídos. En 'Nós Diario', co gallo do centenario, buscamos o 'XI dos cen anos', e comezamos hoxe coa portaría: para ti, quen foi o mellor?
Fenoy, Maté, Cañizares, Pinto e Sergio, algúns dos porteiros que maior pegada deixaron en Balaídos.
photo_camera Fenoy, Maté, Cañizares, Pinto e Sergio, algúns dos porteiros que maior pegada deixaron en Balaídos.

Centos de futbolistas puxéronse nas portarías de Balaídos ao longo da súa centenaria historia, e non resulta doado elixir un só. O último, aínda sen debut oficial, foi durante esta pretempada Coke Carrillo, que esta mesma terza feira foi titular por vez primeira ante o Compostela; o primeiro, Isidro Rodríguez, titular no partido de estrea do Club Celta, daquela no campo de Coia, fronte ao Boavista. Foi en setembro de 1923 e rematou con goleada celtiña (8-2).

Un dos primeiros en despuntar baixo os tres paus foi Ramón Allegue Padrón, coñecido como o Tigre, que vestiu oito anos a celeste e ficou ás portas de lograr o Trofeo Zamora no curso 1956-57, cuxo gañador foi o culé Antoni Ramallets por moi escasa diferenza. Padrón, falecido en decembro pasado, é aínda hoxe lembrado con moito agarimo en Vigo polos bos momentos que deixou aos seareiros e seareiras célticas do momento.

Quen tamén deixou unha forte pegada en Vigo uns anos despois foi o arxentino Carlos Alberto FenoyEl Loco, que nos seus cinco anos no clube alternou a Segunda —tres tempadas— e a Primeira División —dúas—, destacou non só polas súas actuacións defendendo a portaría do Celta, senón tamén, e especialmente, xusto polo contrario: como goleador. A campaña 1976-77 é xa historia da Liga por anotar Fenoy nada menos que cinco goles desde o punto de penalti, tornando así no máximo anotador do equipo naquela edición e obtendo unha marca que ningún outro porteiro conseguiu nunca superar.

O equipo 'ascensor' da década de 1980 ten varios nomes propios, e un deles é o do gardameta segoviano Javier Maté. Entre 1981 e 1993, con seis tempadas na elite e outras tantas na categoría de prata, mantivo unha forte competencia pola titularidade con Patxi Villanueva, relegado ao banco até o penúltimo curso de Maté, que, no ano da súa retirada, xa con 35 anos, cedeu todo o protagonismo a un Santiago Cañizares que se estreou en Primeira, co Celta, da mellor maneira posíbel: logrando un Zamora.

Naquela campaña 1992-93, a do regreso após dous anos en Segunda, Cañizares encaixou 30 goles, un menos que o deportivista Francisco Liaño, se ben o premio a mellor porteiro foi compartido debido ao coeficiente (0,83), pois o celtiña disputou tamén un partido menos. Con el o Celta logrou un meritorio 11º posto na Liga e, ao curso seguinte, meteuse na segunda final de Copa da súa historia, que rematou en empate sen goles e tivo que decidirse, con desenlace cruel para os vigueses, desde os once metros.

Co 'EuroCelta' de Víctor Fernández a portaría foi tamén protagonista, tanto en competicións europeas, en memorábeis partidos nos que a celeste ficou imbatida como o 7-0 ao Benfica ou o 4-0 á Juventus. No primeiro deses encontros defendeu a meta Richard Dutruel, quen disputou catro tempadas no Celta e foi o primeiro en colocarse baixo os paus de Balaídos na UEFA após a primeira incursión de 1971 antes de fichar polo Barcelona, mentres no segundo encontro o protagonista foi José Manuel Pinto, inicialmente o seu suplente e logo asentado en Balaídos durante nove cursos e medio.

Pinto deixou varias noites para o recordo, como o debut do Celta en Champions ante o Brugge belga, e sumou na 2005-06, a do temperán regreso a Primeira tras o descenso de 2004, o terceiro Trofeo Zamora para o Celta na súa historia, con 28 goles en contra en 36 partidos. Tres anos antes conseguira o segundo quen foi o seu principal rival na portaría entre 2000 e 2004 e con quen mantivo unha intensa competencia, Pablo Cavallero, que fechou 2003 con 27 tantos encaixados en 36 encontros e puxo freo, precisamente, a un Cañizares que volveu gañar o Zamora —co Valencia— en 2001, 2002 e logo en 2004.

Xurdido da factoría da Madroa, Sergio Álvarez, un dos poucos One Club Man —coa excepción dunha cesión ao Rácing de Ferrol no curso 2008-09— que quedan no fútbol moderno, e outro imprescindíbel da historia recente do Real Club Celta. O Gato de Catoira estreouse co primeiro equipo en xuño de 2011, fronte ao Cartaxena e con Paco Herrera aos mandos, e desde entón disputou un total de 189 partidos entre Segunda, Primeira, Copa e UEFA Europa League, nunha campaña para o recordo na que foi o encargado de defender a portaría celeste en Old Trafford.

E, para ti, quen foi o mellor porteiro da historia do Celta? Vota na nosa enquisa!

Comentarios