Centenario do Celta

Engonga, Mazinho, Oubiña... quen foi o verdadeiro 'pulmón' do Celta?

A de mediocentro é, posibelmente, a que máis e mellor competencia tivo na centenaria historia do Real Club Celta canda a de dianteiro. Hoxe as lectoras e lectores de Nós Diario toman a palabra para designar o primeiro dos dous centrocampistas do noso 'XI dos cen anos', elixindo entre Santiago Castro, Vicente Engonga, Mazinho, Borja Oubiña e Tucu Hernández. Mañá será a quenda de Pablo Olmedo, Fernando Rodilla, Vicente Álvarez, Claude Makélélé e Everton Giovanella.

E, para ti, quen foi o mellor? Vota na nosa enquisa diaria!

Unha escolma para elixir o primeiro dos dous mediocentros do noso 'XI dos cen anos'.
photo_camera Unha escolma para elixir o primeiro dos dous mediocentros do noso 'XI dos cen anos'.

Unha vez designados o adestrador, o porteiro, o defensa central e os laterais dereito e esquerdo, proseguimos na elección do 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, con motivo do seu centenario, co primeiro dos dous mediocentros. Esta segunda feira as lectoras e lectores de Nós Diario toman a palabra para comezar a construír o mellor centro do campo que tivo o equipo vigués desde 1923 até a actualidade. É posibelmente, canda a de dianteiro, unha das posicións nas que máis e maior competencia houbo, con nomes moi importantes que de seguro lembrarán os seareiros e seareiras celtiñas.

Comezamos cun histórico centrocampista da década dos 70, Santiago Castro, que chegou a Vigo no verán de 1970 logo dun discreto paso polo Barcelona, onde chegara procedente do Rácing de Ferrol. Castro formou parte da xeración capitaneada por Manolo que clasificou o Celta por vez primeira á Copa da UEFA asinando un meritorio sexto posto en Liga. Aínda a día de hoxe Santiago Castro segue a ser o oitavo futbolista da historia do clube con máis partidos ás súas costas: 276, nos que anotou 31 goles ao longo de dez tempadas.

Avanzamos dúas décadas no tempo, até os 90, para atopar os dous seguintes elixidos na nosa pequena escolma. O primeiro deles é Vicente Engonga, cuxa estadía en Vigo, se ben breve, deixou unha forte pegada nas bancadas de Balaídos. Engonga vestiu a celeste o mesmo tempo que Santiago Cañizares: dous cursos, entre 1992 e 1994. E, igual que o porteiro, xogou practicamente todo neses anos, sumando un total de 82 encontros oficiais entre Liga e Copa, incluíndo a fatídica final fronte ao Zaragoza que se decidiu nos penaltis.

Tras esa tempada Engonga marchou ao Valencia, onde coincidiu durante as dúas seguintes con Iomar do Nascimento, Mazinho, que viña de gañar o Mundial con Brasil e que en 1996 cambiou o Mediterráneo polo Atlántico para defender a camiseta do Celta catro anos. Mazinho, un dos grandes ídolos do celtismo, foi un dos que puxeron os cimentos do 'EuroCelta', primeiro con Fernando Castro Santos, logo con Javier Irureta e finalmente con Víctor Fernández, que en 1998 devolveu os vigueses á UEFA. Disputou 138 partidos nos que fixo dez tantos e, trece anos após a súa retirada, un dos seus fillos, Rafinha, seguiu os seus pasos vestindo tamén a celeste —en dúas campañas, a 2013-14 e a 2019-20—.

Entramos xa no século actual para falar dun dos grandes capitáns do Celta e a quen as lesións cortaron unha ascendente traxectoria: Borja Oubiña. Debutou en 2003, estreándose nese curso tamén na Champions, e no seguinte, após o descenso, fíxose imprescindíbel en Segunda e non houbo quen o movese do sitio. Marchou á Premier League en 2007, logo dunha nova caída dos celtiñas á categoría de prata, pero no seu segundo partido co Birmingham sufriu unha rotura do ligamento cruzado do xeonllo esquerdo que o afastou dos terreos de xogo durante máis dun ano. Na tempada seguinte, aínda mancado, Oubiña retornou a Vigo, onde precisou dunha longa recuperación, con varias intervencións cirúrxicas de por medio, para voltar ao seu mellor nivel, que alcanzou na 2011-12, a do último ascenso. En 2015 anunciou a súa retirada após asinar unha tempada en branco, de novo, polas lesións. Xogou 238 partidos e marcou 5 goles.

E no mesmo curso da retirada de Oubiña chegou a Vigo Pedro Pablo Tucu Hernández, unha petición expresa de Eduardo Berizzo após ser unha peza indispensábel para el no chileno O'Higgins. O primeiro ano, xogando nunha posición máis adiantada que na que acabou desputando en Balaídos, non foi doado para o Tucu, que sufriu para adaptarse ao ritmo da Liga mais deixou xa mostras da súa calidade, como un gol para a memoria, de tacón e de costas á portaría, no Vicente Calderón. Nos tres cursos seguintes foi un dos alicerces do equipo comandado por Berizzo e rematou o seu paso pola Galiza con 149 encontros e dez goles.

E, para ti, quen foi o mellor mediocentro da historia do Celta? Vota na nosa enquisa! E lembra que mañá, terza feira, haberá unha nova na que as lectoras e lectores de Nós Diario elixirán o segundo mediocentro para o noso 'XI dos cen anos', unha loita na que estarán Pablo Olmedo, Fernando Rodilla, Vicente Álvarez, Claude MakéléléEverton Giovanella.

Comentarios