Centenario do Celta

Quinocho, Atilano, Otero, Míchel, Mallo... A Madroa, fábrica de laterais dereitos

Seguimos conformando o 'XI dos cen anos'. O lateral dereito é unha das demarcacións que o Celta tivo sempre mellor cubertas, e en boa parte dos casos con futbolistas formados na canteira. Do mítico Quinocho a Hugo Mallo, pasando polos mundialistas Jorge Otero e Míchel Salgado e sen esquecer outra lenda como Atilano, facemos un pequeno repaso desta posición.

Para ti, quen foi o mellor defensor dereito da historia do Celta? Vota na nosa enquisa!

Unha escolma dos laterais (ou defensores) dereitos máis representativos do Real Club Celta.
photo_camera Unha escolma dos laterais (ou defensores) dereitos máis representativos do Real Club Celta.

En Nós Diario seguimos á procura do 'XI dos cen anos' do Real Club Celta e, após deixar aberta ás lectoras e lectores a elección do porteiro, hoxe é a quenda do lateral dereito —en todas as súas variantes, carrileiros e defensores dereitos incluídos—. Se ben a prolífica canteira celeste formou grandes dianteiros, porteiros ou centrocampistas, a demarcación de lateral dereito é unha das que mellores resultados ofreceu. E na nosa pequena escolma para esta posición decantámonos, precisamente, por cinco canteiráns como os máis representativos e os que máis provocaron os aplausos da bancada.

Comezamos cunha figura imprescindíbel do celtismo, Joaquín Fernández Santomé Quinocho, que pasou tristemente á historia en outubro de 1988 tras ser asasinado por un ladrón que tentaba roubar nas oficinas do clube, algo que el, daquela xerente, non estaba disposto a permitir. Quinocho debutou co Celta en 1953 e vestiu a celeste en 202 partidos, ao longo de dez tempadas, nos que anotou catro goles. Logo cambiou Vigo por Castellón para rematar a súa carreira para finalmente, en 1974, retornar á entidade olívica mais desde os despachos.

Quen tamén seguiu ligado ao Real Club Celta após a súa retirada foi outra das lendas celtiñas, Atilano Vecino. Foi amo e señor do lateral dereito durante boa parte dos doce cursos que xogou en Balaídos (1982-1994), desde os anos do 'equipo ascensor' até a histórica tempada da segunda final de Copa —un partido, porén, no que non participou—. Atilano mantén a día de hoxe a honra de ser o cuarto xogador con máis partidos ás súas costas na historia do equipo vigués: 393, só superado por Hugo Mallo, Iago Aspas e Manolo, nos que marcou oito goles.

Non podía faltar nesta selección o mundialista Jorge Otero, que entre 1987 e 1994 —el si disputou a final copeira contra o Zaragoza— alternou os laterais dereito e esquerdo. Cinco goles en 222 encontros é o rexistro que deixou en Vigo antes de marchar ao Valencia, moi novo aínda, aos 25 anos. Se ben ocupou principalmente o costado dereito en Balaídos, tamén destacou no esquerdo; tanto, que na campaña 1992-93 a revista Don Balón situouno como o mellor da Liga nesta posición daquel curso.

E se Otero chegou inmediatamente despois de Atilano —e, de feito, compartiu vestiario con el durante sete cursos—, após o lateral de Nigrán despuntou na Madroa outro futbolista máis nesta demarcación, no seu caso natural das Neves. Míchel Salgado xogou 112 partidos co Celta entre 1994 e 1999 —cunha cesión de por medio, na 1996-97, ao Salamanca—. Na súa última tempada foi un das pezas fundamentais daquel 'EuroCelta' que comezaba a xestarse aos mandos de Víctor Fernández con outros futbolistas destacados como Mostovoi, Karpin, Mazinho ou Revivo.

Fechamos esta escolma con outro mito do Real Club Celta, actualmente sen equipo após abandonar Balaídos este mesmo verán. O debut de Hugo Mallo foi moi precoz, cando acababa de facer 18 anos. Foi ante o Numancia en Balaídos, en agosto de 2009 e con Eusebio no banco. Ese mesmo ano asentouse no once e, cando o respectaron as lesións, non perdeu a titularidade nos 14 cursos que disputou en Balaídos —tres en Segunda e once en Primeira—. Desde 2016 e até a súa recente marcha foi o capitán, e fechou a etapa como celeste con 12 goles anotados en un total de 449 partidos.

E, para ti, quen foi o mellor lateral dereito do Celta? Vota na nosa enquisa!

Comentarios