Centenario do Celta

De Pasarín aos do 'EuroCelta': quen foi o mellor lateral?

Para a tempada do centenario, e se non hai movementos sorpresivos no que resta de mercado, Manu Sánchez e Franco Cervi serán os laterais esquerdos do Real Club Celta. Antes deles pasaron por esta demarcación ducias de xogadores, desde o primeiro, Luís Pasarín, até os do glorioso 'EuroCelta', como Berges, Juanfran e Sylvinho, pasando tamén por outras figuras destacadas como Nacho.

E, para ti, quen foi o mellor? Vota na nosa enquisa diaria!

A nosa escolma de laterais esquerdos do Celta. Botas algún en falta?
photo_camera A nosa escolma de laterais esquerdos do Celta. Botas algún en falta?

Chegamos ao lateral esquerdo para completar a defensa do 'XI dos cen anos' do Real Club Celta, unha iniciativa de Nós Diario para dar voz ás lectoras e lectores e que sexan eles quen elixan os mellores futbolistas e adestrador que pasaron por Balaídos desde 1923 até a actualidade, co gallo do mes do seu centenario. Esta demarcación estará no presente curso cuberta por unha das novidades do mercado, Manu Sánchez, que vén suplir a ausencia de Javi Galán, e un Franco Cervi reconvertido que retrasa a súa posición desde o extremo. Pero antes deles saltaron ao céspede de Balaídos ducias de laterais zurdos —e outros destros malia xogaren neste costado, como Jonny Castro—, e para facermos esta particular escolma remontámonos aos inicios do equipo vigués.

A primeira vez que o Club Celta, xurdido da fusión do Real Fortuna e o Vigo Sporting, saltou ao campo de Coia coas súas novas cores —daquela cun imperante vermello— foi o 23 de setembro de 1923, un mes despois da fundación, e o seu rival era outro equipo hoxe tamén centenario e que daquela lle sacaba 20 anos, o Boavista portugués. E naquel primeiro 'once' celtiña formou como defensor esquerdo Luís Casas Pasarín, que xogou un total de seis tempadas, até 1929, nas que participou en 93 partidos e anotou tres goles en competicións oficiais.

Avanzamos até a década de 1980 para falar dunha das pezas daquel equipo 'ascensor', Nacho Fernández, que chegou ao Celta procedente do Gran Peña e disputou coa celeste 148 encontros (1986-1992) e fixo dous tantos, antes de marchar ao Compostela, onde rematou a súa carreira e foi coñecido en todo o Estado español por rexeitar a chamada da selección que daquela dirixía Javier Clemente: "Nin me interesa, nin me apetece". En Vigo, Nacho tivo un papel relevante, e tamén unha forte competencia co ambidestro Jorge Otero.

Após el chegou, no verán de 1993, o andaluz Rafael Berges. Desde aquel ano e até o curso 1998-99 foi amo e señor do lateral esquerdo, participando en 159 partidos nos que anotou sete goles. Viviu a segunda final de Copa, a de 1994, ante o Zaragoza —non a xogou malia que si disputou a meirande parte do torneo— e tamén os inicios do 'EuroCelta', até que en 2001 unha grave lesión no xeonllo provocou que marchase de Vigo cun final inmerecido, tras dous anos sen tocar a bóla.

E para substituílo chegou no verán de 1999 Juanfran García, un relevo de garantías para esta posición. Foi unha peza importante para Víctor Fernández e xogou en Liga, Copa, Intertoto, UEFA e Champions durante cinco tempadas nas que sumou 176 choques e nove goles. Con el no céspede, o Celta venceu por sete a cero o Benfica e por catro a cero a Juventus e caeu por tres tantos a un fronte ao Zaragoza na terceira —e, até o de agora, última— final copeira.

Mais en 2001, con todo, saíulle un duro rival no lateral esquerdo que lle foi roubando o protagonismo aos poucos. Non é outro que o brasileiro Silvio Mendes Campos Sylvinho, que vestiu a celeste até 2004, ano da Champions e do descenso a Segunda, cando foi traspasado ao Barça. Sylvinho xogou 107 partidos oficiais entre Liga, Copa e competicións europeas e fixo as delicias do público en Balaídos.

E, para ti, quen foi o mellor lateral esquerdo da historia do Celta? Vota na nosa enquisa!

Comentarios