O piragüismo galego buscará medallas no Mundial de 2022

Máis de 30 países competirán en Portugal no Campionato do Mundo de Maratón 2022 de piragüismo. A representación galega será de dezanove padeeiras e padeeiros.
Tania Álvarez-Tania Fernández_2
photo_camera A piragua integrada por Tania Álvares e Tania Fernández (Foto: Federación Galega de Piragüismo).

Desde hoxe e até o domingo, a localidade portuguesa de Ponte de Lima acollerá o Campionato do Mundo de Maratón 2022 de piragüismo con máis de 30 países participantes. A delegación galega acode con 19 deportistas entre a lista de 49 que seleccionou a federación española. As expectativas son altas malia que nesta edición asistirán padeeiras e padeeiros importantes como o danés Mads Petersen ou a húngara Renata Csay. 

A competición comezará esta quinta feira coas probas da categoría júnior e a modalidade de maratón curto na que estarán presentes, en C1, Diego Romero  e Jaime Duro. Tamén o farán Iván Alonso e Julián Becerro en K1. As finais desta disciplina comezarán ás 16.15 horas. Na categoría xuvenil, Nerea Novo tomará a saída ás 9.05 horas en C1. Ademais, Kevin Longo competirá na carreira masculina.

Na sexta feira, a quenda será para as categorías xuvenil e Sub-23. Ás 9.05 horas, Jaime Duro e Diego Piñeiro participarán na carreira de C1 Sub-23. 

Ao redor das 14.45 horas, a dupla do piragüismo de Kevin Longo e Samuel Ares disputarán a carreira de C2 Xuvenil. Para fechar o día de regatas o padeeiro Joaquín Iglesias competirá no K1 Sub-23. 

Individuais e dobres

O prato forte chegará o sábado coas regatas individuais da categoría sénior. Noa Conde comezará ás 9.05 horas da mañá no C1. Mentres, ás 9.30 horas, Tono Campos sairá no C1 coa intención de repetir o triunfo do pasado europeo de Dinamarca.

O padeeiro grovense estará acompañado nesta proba polo tudense Manuel Garrido, que volve a un mundial despois da ausencia do pasado ano. A outra baza galega é a de Iván Alonso no K1. Tamén competirán o sábado David Pazos e Anxo García. Os pontevedreses participarán no K1 xuvenil.

Por último, o domingo competirán as embarcacións dobres nas que participará a parella asturiano-leonesa de Miguel Fernández e Julián Becerra, do Fluvial O Barco. A piragua integrada pola lucense Tania Fernández e a grovense Tania Álvarez parte un ano máis como favorita ao podio no K2. Na C2, Tono Campos e Diego Romero chegan a esta última competición coa idea de revalidar o ouro do ano pasado. Ademais, a parella formada por Fernando Busto e Diego Miguéns tentará o asalto ao podio.

Comentarios