Festa de medallas para a Galiza no Campionato Mundial de Maratón

O piragüismo galego triunfa nas augas portuguesas de Ponte de Lima.
Tania Álvarez e Tania Fernández conquistaron o ouro en Portugal (Foto: Federación Galega de Piragüismo).
photo_camera Tania Álvarez e Tania Fernández conquistaron o ouro en Portugal (Foto: Federación Galega de Piragüismo).

O Campionato do Mundo de Maratón que acolleu durante catro días a localidade portuguesa de Ponte de Lima foi unha festa para o piragüismo galego.

Dezanove padeeiras e padeeiros do país participaban nunha competición na que estaba presente o mellor deste deporte a nivel internacional. Se o evento comezou o primeiro día no maratón curto en C1 coa medalla de ouro de Diego Romero (Breogán do Grove) e a prata de Jaime Duro (Cidade de Pontevedra) xunto ao bronce de Iván Alonso (Piragüismo Olívico) en K1, continuou na segunda xornada na proba de C1, Sub-23, co ouro de Jaime Duro e o bronce de Diego Piñeiro (ambos do E.P. Cidade de Pontevedra). 

Primeiro mundial para Manuel Garrido

A seguinte medalla caeu coa pa de Manuel Garrido en C1 e foi nada menos que a medalla de ouro. O padeeiro de Tui proclamouse campión do mundo cun crono de 02:04:52.36, mentres que o grovense Tono Campos facíase co bronce. A regata contou cun incidente entre varias embarcacións. Cando Garrido ocupaba os postos de cabeza, un grupo de seis embarcacións no que estaba situado chocábanse varios dos integrantes.

O galego aproveitou para irse xunto ao húngaro Marton Kover, ao cabo medalla de prata. A partir dese momento, o bo entendemento entre o galego e o húngaro fixo que aumentase a vantaxe que Garrido aproveitou ao final.

A última xornada continuaron as vitorias. Os padeeiros do Breogán, Manuel Antonio Campos e Diego Romero, revalidaron o título de campións do mundo de maratón na categoría C2.

Valeulles a experiencia de levar tres títulos consecutivos formando parella. Ademais, Tono Campos suma o metal número 23 entre europeos e mundiais. Nesta ocasión, subcampións foron a dupla do Club Piragüismo As Torres, de Fernando Busto e Diego Migéns

As 'Tanias' campioas

As últimas triunfadoras galegas do Mundial foron as piragüistas Tania Fernández e Tania Álvarez finalizaron en primeira posición a proba de K2 no campionato do mundo, por diante das húngaras Renata Csay e Zsofia Czellai. A parella marcou un tempo de 1:58:09.5 , superando ás húngaras en nove segundos.

Despois dun bronce en 2018 e dúas pratas en 2019 e 2021, as galegas conságranse na distancia, cun metal dourado que engrandece máis se cabe a súa traxectoria deportiva. As suecas Melina Andersson e Johanna Johansson gañaron o bronce, a 23 segundos das galegas.

Comentarios