'Make Compos Great Again'. A SD Compostela aprópiase do lema de Trump na súa nova campaña

Con motivo da campaña, o club propón unha colección de 'merchandising' que podería lembrar as colaboracións entre músicos e clubs de fútbol que tan frecuentemente se dan no fútbol inglés.
Presentación da nova campaña da SD Compostela (Foto: SD Compostela).
photo_camera Presentación da nova campaña da SD Compostela (Foto: SD Compostela).

"Lembrar a época dourada da entidade". Esa é a intención da nova campaña da Sociedade Deportiva Compostela (SD Compostela) que foi presentada a semana pasada e que, sen dúbida, non pasou desapercibida entre os fans do deporte rei.

“A idea é facer reconectar os que como eu, teñen un sentimento profundo cara ao club e se foron desconectando ao longo dos anos, aos que seguen aí e aos que teñen a SD Compostela perto e non coñecen o seu pasado na elite. Tamén aos miles de fans do fútbol dos 90 que gardan agarimo ao Compos”, así se manifestou Carlos Pereiro, máis coñecido como Carlangas, cantante e membro do grupo Novidades Carmiña que, segundo indican desde o club, foi o creador da campaña.

Como afirma o cantante: “hai algo mellor que o Compos e é ser do Compos”. “A idea con esta campaña é que os pósters volvan colgar das paredes dos bares, que as bandeiras se colguen nos balcóns e que a xente volva enfundarse con camisetas, gorras e bufandas da SD Compostela”, engaden desde o Compostela.

'Merchandising'

Con motivo da campaña, o club propón unha colección de merchandising que podería lembrar as colaboracións entre músicos e clubs de fútbol que tan frecuentemente se dan no fútbol inglés.

“Queriamos ir máis alá do produto exclusivamente deportivo”, afirma Carlangas. “A idea era crear algo máis no terreo do merchandising dunha banda de punk ou de pop, pero co imaxinario e a estética do Compostela”, acrecenta.

"’Make Compos Great Again’ nace coa ilusión de brillar de novo entre os grandes, como aquel mítico equipo que encandeou todo un país", indican desde a entidade.

"Con isto mandamos un saúdo a todos os de fóra que lembran o Compos con agarimo. Aquí estamos e volveremos" sentenciou Carlangas.

As épocas douradas

A volta ás épocas douradas do club compostelán é algo que todos os siareiros do Compos queren para o seu equipo. Do 1994 ao 1998, o Compostela xogou na máxima categoría do fútbol estatal e recibiu no compostelán estadio de San Lázaro os mellores futbolistas do mundo.

Haberá a quen lle guste a campaña e haberá a quen non. O que é innegábel é que, se querían chamar a atención e lembrar a historia do que foi un club dos grandes, conseguírono.

Comentarios