mércores 27/10/21

O Lugo quere seguir sendo "un equipazo" en Cartaxena

A espectacular vitoria da pasada xornada ante o potente Huesca semella cambiar definitivamente o chip no Lugo, que aspira a estender a xeira triunfal a costa do Cartaxena. Por outra banda, na Primeira RFEF o Dépor choca con outro dos 'galos' da categoría, un Badaxoz que o ano pasado disputou a fase de ascenso a Segunda.
O triunfo na pasada xornada ante o conxunto oscense, favorito ao ascenso a Primeira, elevou ao máximo a moral nas filas lucenses. (Foto: CD Lugo).
O triunfo na pasada xornada ante o conxunto oscense, favorito ao ascenso a Primeira, elevou ao máximo a moral nas filas lucenses. (Foto: CD Lugo).

A xornada para os representantes galegos no fútbol de elite comezou a última hora de onte, dada a pulsión dos máximos responsábeis da Liga e da Federación Española de Fútbol, Javier Tebas e Luís Rubiales, por programar encontros nas noites das sextas feiras -algo que o máximo dirixente da RFEF non só criticaba a tempada pasada, senón que chegou a xudicializar para prohibilo-, o que nos impide dar debida cobertura nesta páxina do Celta de Vigo-Cádiz e do Estremadura-Rácing de Ferrol, por finalizar fóra do horario de fechamento desta edición.

Afortunadamente non acontece o mesmo co Cartaxena-Lugo, previsto para as 21 horas de hoxe no Cartagonova. A pesar de que a clasificación reflicte un empate a puntos entre dous equipos situados na décimo terceira e a décimo cuarta posición da táboa clasificatoria, a escuadra galega chega como favorita logo da súa espectacular vitoria da pasada xornada ante un dos favoritos a conseguir o ascenso de categoría, a Sociedade Deportiva Huesca.

Inmersos nunha dinámica positiva de xogo e, por fin, tamén de resultados logo de asinar o primeiro triunfo da tempada -nunha actuación que Hugo Rama definiu como "de auténtico equipazo"-, os de Rubén Albés tratarán de volver da Horta Murciana cos tres puntos ante uns locais que recurrirán á receta máis vella da cociña do fútbol: "os ovos".

Son palabras do seu técnico, Luís Carrión, que seguindo coas grosas analoxías culinarias agarda que os albivermellos "paguen os pratos rotos" da súa derrota o pasado domingo ante o Real Oviedo: "Cando a cagas estás desexando disputar o seguinte partido, porque non estivemos á altura nin no táctico nin no físico".

Celta B e Dépor, na procura de novas goleadas

Xa na Primeira RFEF, Deportivo da Coruña e Celta de Vigo B queren reeditar as goleadas conseguidas na anterior xornada na cuarta data do campionato, na que reciben a visita do Rácing de Santander e do Badaxoz, respectivamente.

Os herculinos son o único equipo da liga que conta os seus partidos por vitorias, aínda que hoxe a partir das 19 horas en Riazor afronta a súa maior ameaza até o momento da man do Badaxoz, que o ano pasado quedou ás portas de ascender á Segunda División.

Para superala contará co apio nas bancadas do coliseo branquiazul de preto de 20.000 afeccionados e afeccionadas, 60% da capacidade do recinto, congregando así o maior número de persoas desde o inicio da pandemia.

Non é a única boa nova  para o conxunto dirixido por Borja Jiménez, quen recupera Menudo e Valín, aínda que ningún dos dous parece contar con opcións de ser da partida. Quen si poderían entrar son homes como Doncel, Trigueros, Víctor García ou Rafa de Vicente, pois se algo caracteriza o técnico abulense son tanto o gusto polas rotacións como o secretismo arredor das súas estratexias, coa idea de tratar de evitar facilitarlle o traballo aos seus rivais. 

E finalmente, o Celta B fechará a xornada para os equipos galegos nas tres categorías de elite do fútbol Estatal cun partido previsto para as 12 horas de mañá ante un equipo que disputou nin máis nin menos que 44 tempadas na Primeira División ao longo da súa centenaria historia, o Rácing de Santander.

Porén, o feito de que os montañeses estean vivindo un momento difícil como entidade non lles resta un ápice de perigo, e máis tendo en conta que Onésimo non poderá contar cun dos seus estiletes na liña de ataque, Lautaro, que sofreu unha rotura no aductor medio e permanecerá de baixa arredor de oito semanas, o que, ante a falta de opcións nesa área, podería derivar nun cambio táctico con respecto ao último partido.

comentarios