O Lugo asombra ante o Las Palmas e suma xa 13 pontos de 21 posíbeis

Enorme o arranque de campaña da equipa de Setién. O Lugo non só gaña, senón que o fai despregando un fútebol sen fendas, sólido atrás e letal diante.

Lugo
photo_camera Os futbolistas do Lugo festexan un gol

Non é doado golear o Las Palmas, unha das equipas chamadas a pelexar polo ascenso, e moito menos o é conseguir que nos primeiros 45 minutos os de Valerón apenas cruzasen a liña divisoria do centro do campo.

O Lugo foi dono e señor do xogo. Dono e señor da pelota. E a boa noticia é que dispón dun mangado de futbolistas, a comezar polo coruñés Carlos Pita, autor do primeiro gol, que saben moi ben que facer con ela e como, desde a medular, conectar coa vangarda. Se arriba, alén do máis, hai un tipo como Rennella, en estado de graza, comprometido coa equipa, pois mel nas filloas. Face o Las Palmas conseguiu Rennella o quinto gol no que vai de campionato.

Superioridade total, 90 minutos con moi pouco traballo para Dani Mallo e a sensación de que o Lugo fichou moi ben

En ningún momento sofreu a equipa de Setién, arroupada por un Anxo Carro que cada vez acredita máis nos seus. A comuñón relvado-bancada vai tornar este ano o campo do Lugo unha auténtica fortaleza.

En definitiva, superioridade total, 90 minutos con moi pouco traballo para Dani Mallo e a sensación de que o Lugo fichou moi ben e de que o seu secretario técnico é un dos grandes no seu campo desta categoría.

O Lugo suma xa 13 pontos de 21 posíbeis. O obxectivo continúa a ser o mesmo, procurar os 50 que garantan a permanencia. Mais Setién sospeita que esta equipa encerra moito máis potencial do que iso.

Lugo: Dani Mallo; Víctor Díaz, Lolo Pavón, Víctor Marco, Manu; Carlos Pita, Fernando Seoane; Iván Pérez (Fran Sandaza, m. 65), Álvaro Peña (Iago, m. 72), Pablo Sánchez; e Enzo Rennella (Juanjo, m. 86).

Las Palmas: Barbosa; David García, Aythami Artiles, Deivid, Xabi Castillo; Vicente Gómez, Javi Castellano (Momo, m.  30), Asdrúbal, Valerón (Delev, m. 79), Masoud; e Máyor (Chrisantus, m. 79).

Goles: 1-0, m. 18: Carlos Pita; 2-0, m. 39: Enzo Rennella; 3-0, m. 83: Víctor Díaz.

Comentarios