Fútbol

Lucía Martínez e Luis Quintero reforzan o Real Club Deportivo

O Déportivo, co obxectivo do anhelado ascenso na mente, continúa fechando incorporacións de cara a contar co maior fondo de armario posíbel nunha segunda volta de campionato na que o masculino aspira a regresar á Segunda División e o feminino á máxima categoría estatal, a Liga F.
Quintero procede do Vilarreal, pero o seu último club foi o Amorebieta, onde estaba cedido. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Quintero procede do Vilarreal, pero o seu último club foi o Amorebieta, onde estaba cedido. (Foto: RC Deportivo).

Cando teña nas súas mans este xornal, lector ou lectora, restarán menos de 24 horas para que feche o mercado invernal de fichaxes, onde o Real Club Deportivo, como ese alumno que confía en aprobar o curso estudando todo no último momento, está brillando pola súa frenética actividade tanto no seu equipo masculino como no feminino.

Para este último oficializou esta cuarta feira a contratación da madrileña Lucía Martínez, segunda incorporación que realiza despois da de Michi Apostol. Aos seus 22 anos, esta xogadora formada nas categorías inferiores do Raio Vallecano chega á escuadra herculina para reforzar o centro do campo do líder da Primeira Federación, a segunda categoría estatal.

Até o de agora, Martínez militaba no Granada da Liga F, onde participou en 41 encontros defendendo as cores do conxunto andaluz no que vai de tempada e do Alhama de Murcia na campaña 2022/23.

Xa é deportivista a todos os efectos, tamén, Luis Eduardo Quintero Hernández, que recala no Dépor en calidade de cedido -con opción de compra- desde o Vilarreal. O colombiano, como destacou o club nun comunicado, é "fervoroso seguidor branquiazul" desde a súa infancia, pois ten familia na cidade herculina.

Esta cuarta feira, o atacante de 19 anos xa se estreou ás ordes de Imanol Idiakez no adestramento que se levou a cabo en Abegondo coa idea de coller o máis rapidamente posíbel un ritmo que se lle negou no seu anterior destino, o Amorebieta, onde a pesar de intervir en 18 encontros ligueiros sempre participou no que en fútbol comunmente se define co título despectivo de "minutos do lixo".

Paralelamente, o director deportivo do club, Fernando Soriano, ofreceu unha rolda de prensa para presentar a penúltima das fichaxes do Deportivo -salvo sorpresa de última hora-, Raúl Alcaina. Este definiuse como un "dianteiro potente" que destaca pola súa "mobilidade". "Pola miña parte, traballo non vai faltar, veño axudar no que poida", manifestou o ex do Alcoyano.

Comentarios