Imanol Idiakez, novo adestrador do Dépor

Joseba Imanol Idiakez Barkaiztegi (Donostia, 1972) xa é oficialmente o novo técnico do RC Deportivo.
Imanol Idiakez.
photo_camera Imanol Idiakez.

O RC Deportivo da Coruña vén de confirmar Imanol Idiakez como adestrador do primeiro equipo para a temporada 2023-2024.

Segundo destaca o club nun comunicado, o escollido conta con década e media de experiencia nos bancos, tras iniciar a súa carreira na Real Sociedad B en 2008, pouco despois de retirarse como futbolista após máis de 350 partidos en Segunda B co propio filial realista, Beasain KE, Real Avilés Industrial, Burgos CF, CF Ciudad de Murcia, Linares Deportivo, Girona CF e CF Reus Deportiu.

Chipre

A súa experiencia como adestrador cínguese principalmente á terceira categoría do fútbol estatal, na que dirixiu 243 encontros en seis clubs: Real Sociedad B (2008-09), Polideportivo Ejido (2010-11), CD Guijuelo (2011-12), Real Unión de Irun (2012-13), CD Toledo (2013-14) e Lleida Esportiu (2014-16). En todos eles comezou e concluíu a temporada, salvo no cadro almeriense, ao que chegou tras a 30ª xornada para ocupar a praza do destituído José Antonio Lirola.

Tras o seu paso polo club ilerdense emigrou ao fútbol chipriota para facerse cargo da AEK Larnaca, club ao que dirixiu dúas campañas (2016-18) nunha primeira etapa que pechou coa conquista da Copa de Chipre en 2018.

Imanol Idiakez regresou para estrearse en Segunda División co Real Zaragoza. Dirixiu ao conxunto maño até outubro e en xaneiro regresou á AEK Larnaca. Nas súas tres campañas no club chipriota participou na segunda competición continental, a Europa League, na que dirixiu 22 encontros.

Segundo de Unai Emery

No verán de 2020, Imanol Idiakez incorporouse ao Villarreal CF para exercer de segundo adestrador de Unai Emery. Na primeira das súas dúas campañas no corpo técnico vilarrealense, o 'submarino amarelo' sumou o maior éxito da súa historia, ao conquistar a Europa League. Na segunda, alcanzou nada menos que as semifinais da Liga de Campións. No campionato ligueiro, o Villarreal CF logrou dous sétimos postos nas dúas temporadas co novo técnico deportivista como segundo adestrador.

Despois das dúas campañas no conxunto castellonenco, ao comezo da temporada pasada fíxose cargo do CD Leganés. No conxunto pepinero, Imanol Idiakez dirixiu 34 encontros na categoría de prata.

Saverio, o último en saír

Ademais de confirmar a chegada de Idiakez ao banco de Riazo, o RC Deportivo vén de anunciar tamén a saída de Javier Enrique Delgado Saverio, Kike Saverio, após acollerse a unha das cláusulas de saída do seu contrato.

Con Saverio xa son 10 os xogadores que remataron vinculación co Dépor este 30 de xuño: Edu Sousa, Antoñito, Lapeña, Álex Bergantiños, Quiles, Pepe Sánchez, Raúl Carner), Rubén Díez  e Max Svensson

Comentarios