ENTREVISTA

Luchy Paz: "Non xogarei noutro club que non sexa o HC Coruña"

O Hóckey Club Coruña Feminino é o conxunto galego máis importante da actualidade, e a súa líder dentro e fóra da pista non é outra que Lucía, 'Luchy', Paz (Santiago de Compostela, 1999), quen compatibiliza as súas funcións como xogadora coa capitanía e un posto na directiva da novísima escuadra herculina.
Pese á súa xuventude, a galega xa é toda unha veterana da pista. (Foto: HC Coruña).
photo_camera Pese á súa xuventude, a galega xa é toda unha veterana da pista. (Foto: HC Coruña).

—A primeira pregunta é obrigatoria. Soñou nalgún momento cando engrosou oficialmente as filas dun club que, aínda que contaba cunha base que procedía dun Liceo en extinción, foi creado da nada, alcanzarían tan cedo as cotas deportivas ás que está chegando o HC Coruña?
Si que cría que ao manter o bloque do Liceo, e unirlle unha serie de fichaxes que tiñan bo nivel, alcanzaríanse os obxectivos, que eran chegar ao que se viña facendo co antigo club: roldar ese quinto, sexto posto na Liga, clasificarse para a Copa da Raíña, alcanzar os cuartos de final da Champions League...

Pero, polo contrario, non o agardaba por todas as turbulencias e as incertezas que supón comezar un proxecto, a pesar de sentirnos moi arroupadas por xente que traballa día e noite para que isto saia adiante. 

—Como boa parte das xogadoras do HC Coruña, vostede procede do Deportivo Liceo. Como viviu desde dentro esa desintegración da sección feminina do club?
Como un alivio, porque unha sabía que a cousa non daba para máis. Pasaban as semanas e cada día sucedía unha cousa nova, cada día o trato era peor... e, entón, claro, alguén coma min, que leva desde Liga Galega, sente mágoa, pero ao final, cando xurdiu esta posibilidade de formar o Coruña, foi unha gran alegría, porque a pesar de todo non queríamos separarnos as compañeiras, nin afastarnos do deporte.

—Porque eses problemas eran moitos máis que ese agravio comparativo cos compañeiros do masculino no referente aos desprazamentos a Catalunya [onde militan a meirande parte dos conxuntos da OK Liga de ambas as categorías], que eles facían en avión mentres que vostedes o realizaban por estrada...
Si, moitos máis. Impagos, trato totalmente desigual, problemas de comunicación... ao final acabas moi farta.

—Afortunadamente a situación é moi diferente para vostede nun HC Coruña no que, ademais de como xogadora e capitá, exerce un rol na directiva. Cales son as súas funcións e como logra compatibilizalas co traballo sobre a pista e a súa vida persoal?
Eu encárgome principalmente de exercer como unha sorte de ponte entre os dous mundos, o da directiva e o das xogadoras, sobre todo para que esa falta de transparencia que viviamos no Liceo non se repita, unha cuestión que nos pareceu a todas chave. Tamén axudo no que faga falta, participo en reunións... como todas as persoas implicadas no proxecto. 

Xa con respecto á vida persoal, iso é algo máis complicado (ri), pero intento sacar tempo. Como son de Santiago,  vou coa miña parella a ver á familia sempre que podo, porque estou moi unida a ela. Intento conciliar o máximo posíbel. Tamén estou facendo un doutoramento que me exixe ir a Compostela, así que non queda outra.

—Eses longos desprazamentos a Catalunya dos que falabamos anteriormente supoño que tampouco axudan a iso. Como os teñen organizados no HC Coruña?
Encargámonos nós de todo o relacionado coas viaxes: miramos os boletos, temos acordos para ir ao mesmo albergue, xente de man que nos axudan; as xogadoras que son catalás normalmente quedan a fin de semana e van máis por libre... pero normalmente xogamos e xa volvemos.

—Aí precisamente están varios dos equipos punteiros. Ambiciona chegar a xogar nalgún?
Non, a miña vida, a miña familia, o meu traballo, o meu proxecto de vida, están aquí, e o club é un deses propósitos. Seguramente non vaia xogar en ningún lado que non sexa aquí.  

Os soños da Copa da Raíña e da Champions

O hóckey sobre patíns encara o seu treito final da tempada 2023/24, pois baixará o pano a mediados do próximo mes de maio. Na competición da regularidade, a OK Liga, o obxectivo do HC Coruña non pode ser outro máis que asegurar a posición que ocupa actualmente, a quinta, xa que o Vila-Sana, cuarto clasificado, fica a 13 puntos de distancia.

Outra cousa ben distinta son os torneos do KO, a Copa da Raíña e a WSE Champions League. No primeiro destes torneos, o conxunto herculino disputará os cuartos de final o 18 de abril fronte, precisamente, o Vila-Sana, sabendo ademais que en semifinais colidiría con dous equipos aos que é quen de facerlles dano como son Manlleu e Telecable. Con respecto á Champions, esta fin de semana, concretamente o sábado 23 de marzo ás 19.30 horas, choca na ida dos cuartos de final co Stuart Massamá portugués.

Comentarios