Hóckey

O Liceo feminino deixa paso ao HC Coruña

As mulleres serán as protagonistas do proxecto, dentro e fóra da pista.
Foto de familia das xogadoras (segunda fila) e o consello de administración (sentadas) do novo conxunto galego na OK Liga. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Foto de familia das xogadoras (segunda fila) e o consello de administración (sentadas) do novo conxunto galego na OK Liga. (Foto: Nós Diario)

O Liceo, único representante da Galiza na OK Liga feminina, vén de fechar a mellor tempada da súa historia logo de ficar a un paso do play-off polo título e de alcanzar a rolda de cuartos de final na Champions League. Non obstante, todos os sucesos positivos que acontecían sobre a pista contrastaban radicalmente co que pasaba fóra dos pavillóns, onde os problemas económicos e os agravios comparativos  -trufados con machismo- cos seus compañeiros do masculino derivaron nunha crise institucional que levou á veterana entidade a renunciar á súa sección feminina

Agora ben, afortunadamente o paso a un lado do Liceo non significará a desaparición da Galiza na elite do hóckey a patíns, pois  a súa praza na OK Liga xa é oficialmente propiedade dunha  escuadra de nova creación, o Hóckey Club Coruña Feminino.

Neste conxunto a muller non só estará representada no plano deportivo, senón tamén nos despachos, pois estará presidida por Lucía Sanjurjo, co apoio no Consello de Administración de Montse Vale, Mar Barcón, Bea Lema e Luchy Paz, que ademais de directiva será xogadora e capitá.

Sanjurjo confirmou na rolda de prensa de presentación do club -na que estivo acompañada por boa parte das integrantes do cadro de xogadoras que defenderon as cores verdes do Liceo na tempada 2022/23- que o técnico será o asturiano Estanislao 'Stanis' García, quen dirixira o desaparecido Liceo feminino en dúas etapas diferentes. 

Con estes vimbios, a presidenta agarda conformar un proxecto do que é totalmente consciente da súa "dificultade", especialmente no plano económico. En principio, afirmou que o HC Coruña contará cun orzamento "de entre 120.000 e 150.000 euros", que agarda sexa unha cantidade suficiente para satisfacer os gastos "en salarios, viaxes, federación e arbitraxes". 

Tamén revelou que aínda non teñen o apoio do Concello herculino, xa que se ben "escoitou" as promotoras do sucesor do Liceo, confirmoulles que terán que agardar "até despois das eleccións municipais" para poder asinar un acordo de patrocinio como o que ten con tantas outras entidades deportivas locais.

O Liceo busca a final ante o Calafell

Movendo o foco ao Liceo masculino, o conxunto galego, despois de esmagar (5-4 e 1-7) o Igualada nas semifinais, encara o desafío das semifinais do play-off da OK Liga. O vixente campión está a un só chanzo da final, e para iso deberá pasar por enriba dun Calafell que rematou en terceira posición a fase regular, a cinco puntos duns conxunto verdibranco que foi segundo, o que outorga un pequeno favoritismo á escuadra galega.

Ademais, os herculinos golearon os cataláns no seu último enfrontamento directo, no que se impuxeron por 0-3, aínda que no anterior, disputado o 3 de decembro, Calafell venceu por 1 a 2 no Pazo de Riazor.

Será precisamente no fogar do único galego na OK Liga onde se desenvolva o primeiro partido destas agardadas semifinais, programado concretamente ás 21.45 horas de mañá. Con respecto ao segundo encontro, este será o domingo 28 de maio, tamén en Riazor e ás 12 horas da tarde. No outro lado do cadro, o hipotético rival do Liceo na final sairá do enfrontamento entre Noia e o todopoderoso Barça. 

Comentarios