Lendoiro pasa o seu peor momento mentres a banca ten na súa man a supervivencia do Dépor

A oposición dalgúns que foron aliados únese ao acoso de vellos adversarios para deixar ao presidente do Deportivo nunha situación crítica que acende alarmas ante as dificultades para alcanzar un acordo con Facenda e os bancos

Sensacións contrapostas rodean ao Deportivo uns vinte días despois do seu descenso a Segunda División. Se por unha banda a afección branquiazul volveu responder con extrema fidelidade e xa son 14.000 @s persoas que renovaron o seu abono para a vindeira tempada, pola outra crecen as sombras arredor da viabilidade do club, afogado polas débedas e á cuxa fronte -malia o concurso de acredores- continúa Augusto César Lendoiro, cada vez máis só na súa xestión.

Aos inimigos habituais do presidente deportivista sumáronselle nos últimos días antigos aliados de Lendoiro como o seu sucesor xurídico e boa parte das peñas

Aos inimigos habituais do presidente deportivista, como algúns poderes da cidade encabezados pola La Voz de Galicia, se lle sumaron nos últimos días -nun ton ben distinto- antigos aliados de Lendoiro, como o seu asesor xurídico e boa parte das peñas. Nunha entrevista publicada polo diario DxT Campeón, o avogado Germán Rodríguez Conchado acusou ao presidente -co que traballou man a man durante anos- de aproveitar o club para enchufar familiares e gañar cartos e pediu que deixara o cargo e fose substituído “por un dirixente de transición durante dous ou tres anos”.

Así mesmo, nunha enquisa do mesmo xornal realizada entre diversas claques branquiazuis, a maioría delas recoñece o traballo efectuado por Lendoiro durante o cuarto de século que leva ocupando a presidencia do Deportivo, pero consideran que xa é o momento de que facilite un relevo. “Pasou a súa época”, afirman @s seareir@s deportivistas.

O deportivismo comeza a percibir ao dirixente como un obstáculo para acadar un acordo coa Axencia Tributaria, NGB e Banco Gallego

O rexeitamento á actual xestión de Lendoiro centra tamén boa parte do debate entre o deportivismo, que comeza a percibir ao dirixente como un obstáculo para acadar un acordo cos principais acredores da entidade, que son a Axencia Tributaria, Novagalicia Banco e o Banco Gallego. Tamén estes últimos poderían estar recibindo “recomendacións” por parte de elites da cidade para que supediten o trato e polo tanto a supervivencia do club branquiazul á saída do presidente, segundo se comenta en diversos foros. En todo caso, a enorme débeda e a complicada situación deportiva, que ten en Lendoiro a un dos principais responsábeis, estenden a idea de que a actual etapa podería estar chegando á fin. Está por ver que vén despois.

Comentarios