O KH-7 Granollers será o rival do Atlético Guardés na Copa da Raíña

O primeiro duelo do torneo no KO será o 29 de abril
Sorteo da Copa en Donostia. (Foto: Atlético Guardés).
photo_camera Sorteo da Copa en Donostia. (Foto: Atlético Guardés).

O Mecalia Atlético Guardés medirá forzas co KH-7 Granollers nos cuartos de final da Copa da Raíña. Así o deparou un sorteo desenvolvido na xornada de onte en Donostia. 

Alí estiveron presentes o presidente da entidade galega, Jesús López; o seu adestrador, José Ignacio Prades; e unha das súas capitás, Lorena Pérez. Desta forma, o conxunto  miñoto enfrontarase ao seu último rival ligueiro o 29 de abril, sexta feira, na que será a  primeira xornada da competición dun torneo do KO que chegará até o domingo 1 de maio no marco da capital guipuscoana.

O Guardés foi parar á beira esquerda do cadro, e exercerá de local contra a escuadra catalá. Será un encontro para desfacer o empate a vitorias que rexistraron en Liga, xa que o pasado sábado foi o Granollers -dirixido pola viguesa Carmen Prelchi- quen saíu vitorioso (29-26), mentres que na primeira volta venceu o Guardés (26-24).

Se o equipo de José Ignacio  Prades logra superar a eliminatoria, colisionaría nas semifinais co vencedor da eliminatoria entre Bera Bera e Aula Valladolid. O conxunto pucelano foi o primeiro en saír no sorteo e, segundo a normativa, o anfitrión ten dereito a elixir rival e parte do cadro entre o primeiro e o último, neste caso Unicaja Banco Xixón, sendo o escollido pola escuadra donostiarra o Aula, polo que deste modo Elxe -vixente campión- terá que xogar contra a formación asturiana. O gañador dese duelo enfrontarase co que se impoña no Rocasa Gran Canaria-Costa do Sol Málaga.

"Darémolo todo para traer a Copa á casa"

Despois de coñecerse a nova, José Ignacio Prades sinalou que será unha competición "aberta e disputada", engadindo que tanto el como as súas xogadoras "darán todo para traer a Copa á casa".

Comentarios