José Lago, rei do fútbol alén do Atlántico

A de José Lago, experto en atletismo, natación, baloncesto, Educación Física e fútbol, é a historia dun emigrante galego na Arxentina que foi o primeiro e único técnico estranxeiro que logrou un título coa selección albiceleste, pois cos seus innovadores métodos conquistou a Copa América de 1927 e sumou unha prata nos Xogos de 1928.
Situado á esquerda da imaxe sobre estas liñas, fóra do eido deportivo José Lago Millán non ocultaba as súas conviccións galeguistas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Situado á esquerda da imaxe sobre estas liñas, fóra do eido deportivo José Lago Millán non ocultaba as súas conviccións galeguistas. (Foto: Nós Diario)

A palabra Galiza é sinónimo de emigración. Nun dos países máis envellecidos do mundo, cunha taxa de fecundidade de 1,01% -a cifra para non perder poboación debería ascender até 2,01%-, máis de 100.000 mozos e mozas galegas deixaron a súa terra no que vai de século XXI na procura das oportunidades que se lles nega na casa. E sen revolucións. Sen facer moito ruído sequera. Porque, como dixo Castelao, "o galego non se queixa, emigra". 

Trátase dunha historia de nunca acabar, pois xa hai máis de 100 anos as persoas que habitaban a Galiza abandonábana en masa -a cantidade exacta apunta a ser superior ao millón só entre 1882 e 1935- para buscar un futuro mellor lonxe da fame e do atraso, especialmente no continente americano.

Un deses emigrantes era José Lago Millán. Chegado á capital da Arxentina, Bos Aires, no ano 1913, este pontevedrés nado a carón da igrexa de San Bartolomeu desenvolveu unha extensa carreira deportiva na súa Galiza natal antes de cruzar o Atlántico aos 20 anos de idade.

Na Boa Vila, como el mesmo conta nunha entrevista publicada pola revista Céltiga, punto de encontro da intelectualidade galega residente na Arxentina entre 1924 e 1932, comezou a xogar ao fútbol en 1910 no Vigo Sporting, onde coincidiu con xogadores do nivel de Moncho Encinas -que xa como adestrador levaría o Sevilla até o seu único título ligueiro- ou Luís Otero, lendario xogador do Celta, o Deportivo e a selección galega, e o subcampión olímpico nos Xogos de Amberes 1920.

Mais o deporte rei non era a única disciplina na que destacou, interesándose por un ciclismo do que chegou a ser campión galego en 1912 a pesar da oposición familiar. Un ano máis tarde, subía ao barco xunto coa súa muller e a súa filla, destacando cada vez que tiña ocasión a súa condición de "galeguista fervente" e o orgullo que sentía cando escoitaba a súa nena, Rita, recitar "Rosalía ou Curros".

Como adoitaba acontecer cos emigrantes galegos, no seu destino viuse obrigado a deixar atrás a súa bagaxe deportiva para subsistir, transcorrendo varios anos até que en 1920 a Young Men Christian Asociation (YMCA) -unha ONG protestante estendida en América- decide contar con el para organizar a súa sección de atletismo.

Os éxitos foron case inmediatos, primeiro como atleta -acumulando diversos campionatos nos 3.000 metros entre 1924 e 1926- e logo como preparador do feminino Unión Telefónica -obtendo dous campionatos suramericanos- e do equipo nacional arxentino masculino. 

Estes logros, unidos ao poder e influencia que tiña o seu mentor na YMCA, 'Mr. Dickens', que tamén o introduciu no baloncesto, a natación e a calistenia, servíronlle como plataforma de lanzamento para acceder ao cargo de seleccionador de fútbol da Arxentina en 1927, posto que aceptou con "poucas ganas" a causa das referencias que tiña "sobre uns xogadores refractarios a toda ensinanza diferente da rutineira e a toda autoridade", como el mesmo recoñecería anos máis tarde.

Non tiña moito tempo para conseguir impor os seus métodos e obter o respecto dos seus homes, pois a Copa América comezaba no Perú ese mesmo ano, pero conseguiuno, logrando que se abstivesen de beber alcohol, fumar -na meirande parte dos casos- e de manter relacións sexuais durante o tempo que se estendese a concentración.

En Lima todo o traballo deu os seus froitos, e o combinado albiceleste chegou nunha excelente condición física, como demostrou coa goleada sobre Bolivia (7-1) no seu debut. Un triunfo pola mínima sobre a potente Uruguai (3-2) e outro sobre a selección anfitrioa (1-5) outorgoulle á Arxentina comandada por dous galegos -José Lago no banco e un Manuel Seoane que foi distinguido co premio a Mellor Xogador sobre o céspede- o seu terceiro título continental.

O triunfo no Perú levou a Asociación do Fútbol Arxentino a seguir confiando en Lago Millán de cara aos inminentes Xogos Olímpicos de Amsterdam 1928. Nos Países Baixos os seus homes volveron destacar polo seu físico, accedendo á condición de favoritos logo de esnaquizar nos oitavos de final os Estados Unidos (11-2), en cuartos a Bélxica (6-3) e nas semifinais a Exipto (6-0). Na final, empatou 1-1 ante o Uruguai e, como era tradición na época, no partido de desempate perderon por 2-1.  

Despois, foi apartado do cargo, aínda que non se desvinculou por completo do fútbol, adestrando Boca Juniors en 1932 e escribindo semanalmente sobre deporte en distintas publicacións até os anos 40, cando se lle perde a pista, dando a entender que morreu, como adoitaba dicir citando a Rosalía, "lonxe da terriña, lonxe do meu lar".

Manuel Seoane, o seu grande alumno

De familia de emigrantes galegos, Manuel Seoane xa naceu na Arxentina, en 1902, debutando con Independente en 1921. Dianteiro centro de físico rotundo e técnica privilexiada, tornou no máximo goleador da época do amateurismo, con 207 tantos, aos que engadiría outros 34 xa como profesional.

Comentarios