A Federación Galega de Fútbol fai un chamamento contra o racismo

Promociona a campaña 'Racistas, fóra do fútbol'.
O dianteiro madridista Vinícius Jr. foi obxecto de insultos racistas no seu partido ante o Valencia (Foto: EP).
photo_camera O dianteiro madridista Vinícius Jr. foi obxecto de insultos racistas no seu partido ante o Valencia (Foto: EP).

A Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) aceptou esta cuarta feira o convite da súa homóloga estatal para sumarse á campaña Racistas, fóra do fútbol. Isto ten como obxectivo, explican, "implantar no noso territorio diversas medidas de concienciación para erradicar dos campos de fútbol tanto o racismo como calquera outra forma de discriminación".

Entre outras iniciativas, desde a RFGF convidan a todos os clubs participantes nas competicións oficiais de ámbito galego a "expresar publicamente o seu rexeitamento ao racismo" cun símbolo que se levará a cabo antes do comezo de cada encontro. 

A súa proposta é que xogadores e xogadoras, integrantes dos corpos técnicos e colectivos arbitrais realicen, unidos, o xesto de "parar", coa man estendida, replicando a imaxe estabelecida pola RFEF para a súa campaña no eido estatal.

O símbolo da iniciativa Racistas, fóra do fútbol está composto por un círculo de diferentes cores que quere representar "a diversidade do noso país, que rodea e protexe unha man que internacionalmente simboliza a loita contra o racismo".

"Ese é o xesto que acompañará ao comezo de todos os encontros oficiais en competicións de ámbito galego", engaden desde unha Real Federación Galega de Fútbol que tamén está empregando as súas canles nas redes sociais para partillar noticias e imaxes relacionadas con esta proposta.

O descenso do Celta preocupa na cidade olívica

Sen deixar o fútbol, o empate do Celta ante o Girona, unido aos positivos resultados dos seus rivais na loita pola salvación, axitou as augas na cidade olívica. Rematado o choque cos cataláns, as bancadas viraron os ollos cara o palco de autoridades, pedindo a dimisión dun presidente Mouriño que tivo que saír de Balaídos con escolta policial.

Comentarios