Jonathan Bamba, un reforzo de luxo para a liña de ataque do Celta

O extremo esquerdo chega a Vigo como axente libre após cinco tempadas co Lille nas que chegou a gañar unha Ligue 1 e unha Supercopa.
Jonathan Bamba, nun partido co Lille. (Foto: Joaquin Corchero / AFP7 vía Europa Press)
photo_camera Jonathan Bamba, nun partido co Lille. (Foto: Matthieu Mirville / DPPI vía Europa Press)

Jonathan Bamba (Alfortville, Francia, 1996) tornou oficialmente esta terza feira na terceira fichaxe do Celta de Rafa Benítez. O extremo esquerdo, que chega como axente libre após rematar a súa etapa no Lille francés, aterra na tempada do centenario en Vigo, onde ficará, de cumprirse o seu contrato, até xuño de 2026.

Bamba, de 27 anos, vén de fechar unha brillante campaña en Francia na que anotou seis goles e deu até sete asistencias nos 34 partidos que disputou no campionato ligueiro e un de Copa. Nas súas cinco tempadas co Lille, clube ao que chegou en 2018, precisamente, da man do hoxe asesor deportivo do Celta, Luís Campos, acumulou un total de 200 encontros e 29 goles e 28 asistencias.

Defendendo as cores vermella, azul e branca deste equipo do norte do país galo logrou superar o todopoderoso PSG de Neymar e Mbappé e facerse na tempada 2020-21 coa Ligue 1. E ese mesmo verán volveu vencer os parisinos na Supercopa de Francia (1-0).

Após non chegar a un acordo co Lille e quedar por tanto libre este verán cinco anos despois, Bamba estivo no albo de moitos clubes das máis prestixiosas ligas europeas. Mais, finalmente, o seu destino quedará vencellado a Vigo durante tres cursos, entre eles o máis importante da historia recente.

O atacante conta con pasaporte de Costa de Marfil e de Francia e foi internacional coa selección absoluta do país africano, coa que debutou o pasado mes de xuño. Desde o Celta celebran reforzar a liña de ataque neste mercado estival "cun xogador de grandísimo nivel, con instinto, desequilibrio e dunha notábel calidade técnica para seguir preparando o inicio dunha campaña tan especial para todo o celtismo como é esta do centenario".

Bamba, no partido ante o Al Nassr, xunto a Luís Campos, Marián Mouriño e Juan Carlos Calero. (Foto: Joaquin Corchero / AFP7 vía Europa Press)
Bamba, no partido ante o Al Nassr, xunto a Luís Campos, Marián Mouriño e Juan Carlos Calero. (Foto: Joaquin Corchero / AFP7 vía Europa Press)

Bamba súmase así a Carles Pérez, que en xuño selou o seu ansiado retorno a Vigo após unha primeira tempada satisfactoria para el no persoal e o profesional, e o lateral esquerdo Manu Sánchez, que substitúe Javi Galán, traspasado ao Atlético de Madrid.

Esta mesma mañá incorporouse aos adestramentos ás ordes de Benítez, logo de presenciar na tarde da segunda feira o primeiro partido preparatorio no Algarve, fronte ao Al Nassr, un encontro que rematou cun contundente triunfo do Celta (5-0) con hat-trick de Jörgen Strand-Larsen e goles dos canteiráns Gael Alonso e Miguel Rodríguez, chamados a ter un papel protagonista este curso, nomeadamente o extremo, que xa foi determinante no remate da tempada pasada da man de Carlos Carvalhal.

Comentarios