O Celta sube de revolucións con Bamba

Benítez fecha a banda esquerda coa chegada do estremo marfilés, mesma posición na que xoga a última incoporación do Deportivo da Coruña, Davo.
Bamba chega libre logo de rematar contrato co Lille francés, onde marcou seis goles e repartiu sete asistencias na tempada 22/23. (Foto: RC Celta).
photo_camera Bamba chega libre logo de rematar contrato co Lille francés, onde marcou seis goles e repartiu sete asistencias na tempada 22/23. (Foto: RC Celta)

Rafa Benítez, Manu Sánchez, Carles Pérez e agora... Jonathan Bamba. O Celta continúa traballando na composición do cadro de xogadores da tempada do centenario incorporando un futbolista que conta con gran cartel no fútbol europeo. 

Di o dicionario da Real Academia Galega (RAG) sobre bamba: "Que está un pouco tenso, apertado ou axustado". Neste caso, o significado do seu nome na lingua do seu país de acollida non define en absoluto o espírito competitivo que caracteriza un home que chega a Vigo a custe cero logo de finalizar contrato no Lille francés, co que a  pasada campaña xogou 34 partidos, marcando seis goles e repartindo sete asistencias.

Natural de Costa do Marfil, Bamba conta con 27 anos de idade e desenvolve a súa actuación na posición de estremo esquerdo, un carril que xunto con Manu Sánchez, e tendo en conta a polivalencia de Carles Pérez, queda xa cuberto.

Moi veloz, a súa facilidade para abrir espazos nas defensas rivais permitirá aos dianteiros celestes gozar de maior comodidade na area contraria, contribuíndo así a loitar contra un estatismo que lastrou o equipo na 22/23.  

O Dépor incorpora Antonio David Álvarez, 'Davo'

Como se dixo, Bamba actúa na posición de estremo, a mesma que ocupa Antonio David Álvarez, 'Davo', última incorporación do Deportivo. Confirmado na tarde de onte, o zurdo de Luarca chega á Coruña en calidade de cedido desde o KAS Eupen de Bélxica, onde apenas disputou 110 minutos desde a súa chegada o pasado mes de xaneiro.

Anteriormente, este auténtico trotamundos do fútbol, que militou en 10 equipos diferentes aos seus 28 anos de idade, xogou no Wisla Plock polaco, a Unión Deportiva Ibiza, Zamora, os galegos Cerceda e Rápido de Bouzas, Oviedo Vetusta, Langreo e o filial do Avilés.

O seu obxectivo é recuperar o rendemento que alcanzou co Ibiza nas tempadas 2020/21 e 2021/22, xusto antes das súas aventuras belga e polaca, cando tornou en peza determinante para que os baleares obtiveran primeiro o ascenso desde a antiga Segunda B e logo a permanencia na Segunda División.

Comentarios