Jacobo Senín domina a subida á Estrada

A terceira proba do Campionato Galego de Montaña, marcada pola calor, tivo como incontestábel gañador a Jacobo Senín.

Jacobo Senín dominou a Subida á Estrada (Foto: FGA).
photo_camera Jacobo Senín dominou a Subida á Estrada (Foto: FGA).

O cuntense Jacobo Senín foi o incontestábel dominador da Subida á Estrada, terceira proba que puntúa no Campionato Galego de Montaña. A carreira estivo marcada pola intensa calor que houbo durante toda a fin de semana, o abundante público e a fluidez a pesar de contar con nada menos que 75 equipos na lista de inscritos.

Senín, aos mandos da súa espectacular barqueta Nova, non deu a máis mínima opción aos seus rivais, mesmo sen completar unha das mangas oficiais logo de ser interrompida polo accidente sen consecuencias persoais de Jorge Fernández.

Desta maneira, o piloto da Escudaría Estradense firmou o seu segundo triunfo consecutivo despois de vencer na Pontenova, avantaxando en 23.9 segundos a Alexis Vieitez, aos mandos da Celtic.

Completou o podio, o piloto ourensán Abrahán Vázquez, que no Fórmula Dicode quedou a 29.4 segundos do primeiro posto da clasificación.

O cuarto posto da táboa clasificatoria foi para Alfonso “Pisko” Ventín, un dos pilotos máis seguidos da proba pola súa condución no Yacar Crosscar, converténdose, ademais, no primeiro clasificado da agrupación 9, reservada aos carcross.

Fechou os cinco primeiros clasificados e primeiro da modalidade de carrozados, Jorge Pérez Alonso, que no Porsche 991 GT3 non foi quen de rematar a última das mangas oficiais do domingo.

Dentro da modalidade de regularidade, triunfo para o equipo formado por Miguel Ángel e Manuel Ángel Díaz, con 15087 puntos. Acompañáronos no podio Alfonso Cabra e José Manuel Quintas máis Iván López e José Antonio López.

Comentarios