Automobilismo

Antonio Troitiño: "O público baixou moito, traballamos para recuperar a afección que había antes"

Antonio Rodríguez Troitiño (Lalín, 1969) é o flamante presidente da Federación Galega de Automobilismo (FGA). O novo responsábel do motor galego personaliza as esperanzas de renovación nun organismo que levaba desde principios da década dos anos 80 rexido pola mesma familia.
O novo responsábel da FGA accedeu ao cargo o pasado domingo. (Foto: Renova FGA).
photo_camera O novo responsábel da FGA accedeu ao cargo o pasado domingo. (Foto: Renova FGA).

Falabamos hai exactamente nove meses nestas mesmas páxinas de Nós Diario sobre a súa intención de renovar unha Federación Galega de Automobilismo que levaba controlada pola mesma familia desde 1983, algo que acaba de conseguir. Satisfeito?

Por suposto que si (ri). Sinto unha gran satisfacción por ter conseguido o obxectivo.

Este longo camiño tivo moitos paus nas rodas, ou fochos na estrada, mellor dito. Incluso, en pleno proceso electoral foi inhabilitado pola FGA de Corral por unhas declaracións aos medios de comunicación. Chegou a temer o bloqueo da súa candidatura?

Pensamos que faría todo o posíbel para que non puidese chegar a presentarme, pero tamén sempre confiei en todo momento en que todo ía saír adiante e chegar a bo porto.

E tan bo porto que na Asemblea da Federación obtivo 55 dos 57 votos ao seu favor. Renova FGA, ademais, contou con todos os postos de voto da mesa na Comisión Delegada, o que confirma unha nova era. Cal será a bandeira desta etapa? 

Sobre todo, a participación. Seremos unha Federación participativa, onde todo o mundo poida opinar e onde haberá, ademais, unha transparencia total para que non estea nada oculto, como acontecía até o de agora. 

Tratará de dinamizar desde a Federación o regreso dalgunha das probas que deixaron de desenvolverse durante este case medio século de xestión Corral, ou de traer máis probas do Campionato de España?

Está na axenda recuperar todas eses eventos aos que se lle puxeron trabas e que acabaron saíndo dos calendarios, e proba diso é que xa hai varias que se puxeron en contacto connosco para regresar aos campionatos galegos. Nós, pola nosa parte, non imos bloquear en absoluto a ningún organizador.

Pode avanzar o nome dalgún deses certames que van regresar? 

O Rally de Noia e a Subida a Taboadela é seguro que para o ano próximo terán que estar no calendario, salvo que teñan algún tipo de problema a nivel organizativo.

Coa afección tan grande que hai na Galiza, e co potencial que teñen as nosas paraxes e estradas, un dinamizado Campionato Galego de Rallyes podería chegar a ser unha referencia?

O Campionato Galego de Rallyes segue a ser unha referencia, non é o que peor vemos, está aínda bastante ben. Nós aspiramos a que destes campionatos saian pilotos novos que promocionemos e que despois poidan ir a torneos superiores. Outra preocupación que temos é o descenso de público nos treitos. Debemos  traballar para que volva haber a afección que había antes.

De cara a conseguir eses obxectivos, ten pensado contar con xente de experiencia para promocionar e participar en rallyes do tipo Vallejo, Javier Piñeiro, Alejandro Pais ou Martínez Barreiro, por citar algúns nomes?

Cremos firmemente que hai que dinamizar o campionato, porque non ten case seguimento por parte da televisión, e a súa difusión en xeral foi baixando moitísimo. E, despois, sería importante por suposto que veñan pilotos destes que estiveron no pasado, pero somos conscientes de que están case todos inactivos. Non obstante, aínda que a nivel participativo non poidan, quizais poderían estar no eido organizativo e colaborando connosco. Desde logo, non imos deixar de contar con que nos queira botar unha man. 

Ten en mente tamén a recuperación dun campionato nunha categoría que sempre tivo moito atractivo entre o público, a de Vehículos Históricos, como ben ten demostrado Xesús Ferreiro correndo co seu Ford Escort?

No noso programa levabamos a recuperación do Campionato de Históricos. Para esta tempada vai ser case imposíbel, porque non vai haber tempo, pero por suposto que si que imos potenciar un campionato de Históricos, porque tira moito do público. Hai que ver en que lugar o situamos, porque son coches que tampouco aguantan unha quilometraxe moi grande, e despois, a maiores, teñen o problema de que se saen moi atrás atópanse coa estrada esnaquizada, e a xente que ten este tipo de autos tampouco quere desfacelos.

Por último, a pregunta do millón, a gran pataca quente: os circuítos. Ten pensado promover algún novo proxecto?

Sabemos que é moi difícil traer para a Galiza un circuíto dunhas características grandes, tipo Formula 1, pero queremos empezar a mover o tema, a ter reunións con alcaldes e consellos de administración, porque agora non temos circuítos permanentes. Quizais sexamos quen de facer un tipo de circuíto combinado, de asfalto e terra, onde facer autocross e rallycross, sería o ideal.

Un Goberno de "dúas ou tres lexislaturas"

A pregunta é obrigada. Tendo en conta que a Federación Galega de Automobilismo vén dunha xestión personalista de 40 anos, ten Antonio Rodríguez Troitiño algunha data límite na cabeza para pórlle fin á súa etapa á fronte do organismo ou, polo contrario, pensa estar, como se adoita dicir, "até que o corpo aguante"?

Sen dubidar, o flamante presidente da FGA responde que el ten moi claro "que as etapas non poden ser moi duradeiras". "Nós sempre falamos de dúas lexislaturas, e por aí vai andar a cousa, se ben é certo -recoñece- que a primeira vai ser de tan só tres anos, porque estamos no 2023 e no 2026 xa hai que convocar eleccións outra vez, polo que no caso de que teñamos que impulsar algún proxecto importante, como un circuíto, poderíamos ter que irnos ás tres lexislaturas, pero de aí non pode pasar, porque non teño en absoluto pensado eternizarme no poder".

Comentarios